O Goberno local de Redondela vén de poñer en coñecemento das veciñas e veciños de Chapela que o vindeiro sábado, ás 11:30 horas, quedará exposto no multiúsos do Piñeiral do Crego o proxecto das pantallas acústicas da AP9.
Amais de poder consultar o proxecto, haberá unha reunión informativa na que participarán técnicos da empresa redactora do mesmo, onde a alcaldesa Digna Rivas dará a coñecer a veciñanza as alegacións que presentará o Concello sobre determinados temas que, ao seu entender, deberían ser mellorados.
Ao mesmo tempo, veciños e veciñas poderán presentar posteriormente as súas propias alegacións para engadilas ás do Concello nun mesmo documento que recolla todas as melloras posibles.
Digna Rivas salientou a importancia de que a veciñanza afectada asista á reunión "de cara a buscar, conxuntamente, as mellores solucións para unha actuación que contribuirá a mellorar a calidade de vida das e dos afectados polos ruídos ocasionados pola AP9".