O novo director do Marco deberá acreditar tres anos na dirección de museos e cobrará 52.000€

Publicidad

O museo Marco de Vigo terá ao fin un novo director. Tras un ano sen dirección despois da renuncia de Iñaki Martínez Antelo, quen ocupaba o posto de xestión dende o ano 2005, o Museo de Arte Contemporánea de Vigo prepárase para abrir unha nova etapa.

Dende novembro do ano pasado boa parte do mundo da cultura local vén denunciando a “desnaturalización” do museo, apartado da súa finalidade de contedor de obras de arte contemporánea e convertido nun “proxecto sen coherencia”.

Aínda que o alcalde de Vigo, Abel Caballero, chegou a asegurar que a praza de dirección “se podía amortizar” xa que o museo funcionaba “moi ben sen esa praza” e así se aforraban “uns cartos moi importantes”, finalmente o espazo si contará cun director.

Para a nova dirección, que contará cun período no cargo de cinco anos, as bases establecen a selección a través dunha comisión técnica de valoración. Dúas persoas serán escollidas polo Concello, unha persoa polo Ministerio de Cultura e outra máis pola Consellería de Cultura da Xunta. As persoas mencionadas ostentarán, preferentemente, coñecementos acreditados en materia museística, e na xestión da arte e da cultura.

Entre outros requisitos o novo director ou directora deberá acreditar unha experiencia, nos últimos vinte anos, de polo menos tres anos na dirección e xestión de museos ou centros de arte moderna ou contemporánea e presentar un plan de actuación. A retribución bruta anual ascenderá á cantidade de 52.131,14 €.

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, asegurou esta mañá que “nunca houbo un modelo desta transparencia no Marco” e lembrou que o Concello faise cargo do 75% da sua financiación, a Xunta do Galicia aporta un 12% do orzamento e o Goberno de España o 4%.

Salir de la versión móvil