Despois de moitos meses de intenso traballo, o UM22, novo monopraza deseñado e fabricado pola escudaría universitaria UVigo Motorsport, xa está listo para correr. Tras múltiples probas de rodaxe no aparcadoiro da Escola de Enxeñería Industrial, a estrea oficial terá lugar do 7 ao 12 de agosto no circuíto húngaro Hungaroring, sede dos eventos do Gran Premio de Fórmula 1 de Hungría. Será, ademais, a primeira vez que o equipo, constituído por preto de medio cento de estudantes de diferentes titulacións dos campus da Vigo e Ourense, compita na Formula Student East, a Fórmula Student da rexión leste de Europa.
“O UM22 está listo para correr e demostrar todo o que traballamos esta tempada”, explica a estudante de Enxeñaría Aeroespacial Sara Barbeito, team leader do equipo e responsable de Organización e Marketing, quen adianta que, tras o paso por Hungría, a seguinte cita será do 29 de agosto ao 4 de setembro na Formula Student Spain, que este ano se disputará no Circuit Parc Motor Castellollí, un circuíto deseñado por Dani Pedrosa situado a 25 minutos de Barcelona, entre Igualada e Martorell.
Moi diferente ao UM21: novo chasis, escape, volante...
Como gran novidade do UM22 destaca o cambio de chasis, pasando dun “mixto” formado por un monocasco e un chasis tubular na parte traseira do monopraza, onde se sitúa o motor, a un novo chasis completamente tubular, o que lles permitiu acabar o proceso de fabricación moito antes ca en anos previos e lles deu pé a poder rodar máis co coche. Deste xeito “tanto pilotos como técnicos foron capaces de espremelo ao máximo e coñecelo tan ben como a un mesmo”, explica Barbeito, ao que engade que esta dispoñibilidade de tempo extra permitiu tamén realizar un novo mapeado do motor, o que os capacita para sacarlle ao coche o máximo partido en pista.
Xunto ao cambio de chasis, Barbeito destaca tamén o traballo realizado ao longo deste curso polo Departamento de Aerodinámica do equipo que permitiu incorporar ao monopraza un novo alerón dianteiro que mellorará o desempeño en pista do coche.
Aprender e ter en conta o acontecido en tempadas pasadas, “xa dende a fase de deseño”, fixo tamén que esta tempada o equipo fose capaz de ir pensando en posibles solucións para todos os problemas aos que tiveron que enfrontarse en tempadas previas. Nesta liña, desde o equipo destacan que o UM22 dispón dun novo escape, variouse a xeometría dos aleróns dianteiro e traseiro, deseñouse un novo cableado que se adapta mellor aos obxectivos do equipo, así como tamén un novo volante “máis ergonómico e que lle facilita ao piloto o control do vehículo”. Son distintas melloras que, ao xuízo dos integrantes do equipo, permitirán optimizar o rendemento do coche.
Na procura dos mellores resultados
No 2021 problemas técnicos impediron que o UM21 puidese chegar a competir. Agora as cousas son moi distintas, están moi satisfeitos co traballo realizado ao longo de todo o curso e as expectativas son boas. “Agardamos conseguir acabar as probas dinámicas e acadar os mellores resultados posibles”, explica Barbeito. Para conseguilo desprazaranse a cada unha destas competicións un equipo de arredor de 20 persoas, en función das necesidades que teña o equipo en cada unha delas e tendo tamén en conta “quen traballou máis ao longo de toda a tempada”.
Un reto que implica a medio cento de estudantes de Vigo e Ourense
Detrás da ilusión de ver rodar este verán o UM22 en circuítos profesionais está UVigo Motorsport, o único equipo galego de Formula Student. Son preto de medio cento de alumnas e alumnos de 12 titulacións, sendo os estudantes de Enxeñaría Mecánica os máis numerosos, con 11 membros, seguidos por Enxeñaría Aeroespacial, con nove, e Enxeñaría Informática con oito. Xunto con eles e elas, o equipo conta tamén con alumnado de Enxeñaría Electrónica e Automática; do dobre grao en Enxeñaría Mecánica e Electrónica e Automática; Tecnoloxía Industrial; Enxeñaría de Telecomunicación; Enxeñaría de Organización Industrial; o dobre grao en Enxeñaría Biomédica e Electrónica Industrial e Automática; Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos e Enxeñaría Biomédica.
Úneos a súa paixón polo mundo do motor e a ilusión por sacar adiante novos retos, representando á Universidade de Vigo e aos seus múltiples patrocinadores (Concello de Vigo, Zona Franca, Bosch, Coasa, Grupo Copo...) por circuítos de toda Europa. Próximo destino: Hungría.