O paseo da praia de Cesantes estrea alumeado público con novas luminarias LED

Publicidad

Redondela procedeu, nestes días, a mellora e optimización enerxética do alumeado dunha parte do paseo da praia de Cesantes. A intervención supuxo a substitución das antigas luminarias de vapor de sodio por outras dotadas de tecnoloxía LED.

En total cambiáronse 22 puntos de luz que, mellorando as condicións de luminosidade do paseo, permiten un notable aforro na factura eléctrica. Ademais contribúen á redución de emisións de CO2 á atmosfera, ao non xerar calor, e teñen unha vida útil moito máis longa. Máis de 50.000 horas fronte ás 12.000 horas do antigo alumeado.

Dende o Concello explican que as lámpadas de vapor de sodio, aínda que teñen unha boa eficiencia, ofrecen luz de baixa calidade, cunha soa frecuencia de espectro que impide que se distingan as cores e que, ao igual que o resto de lámpadas de descarga, teñen entre os seus compoñentes chumbo e mercurio.

A renovación do alumeado no paseo da praia de Cesantes é o primeiro paso do que a alcaldesa Digna Rivas cualificou como "un ambicioso proxecto" de optimización do alumeado público no municipio. A rexedora local explica que se trata "dun servizo básico para a cidadanía ao mellorar non só a comodidade á hora de realizar desprazamentos nas horas nocturnas, senón tamén as súas condicións de seguridade".

Salir de la versión móvil