O Bloque Nacionalista Galego vén de presentar unha batería de iniciativas no Parlamento galego a respeito do feche da cociña do hospital Álvaro Cunqueiro (HAC), que provocará que a alimentación do centro sanitario sexa transportada desde Zaragoza. Nas iniciativas reiteran a necesidade “urxente e irrenunciábel” de rescatar a actual concesión para "reverter o modelo privatizador que impuxo a Xunta do Partido Popular". A deputada e portavoz de Sanidade do BNG no Parlamento galego, Montse Prado, amosouse moi crítica cun peche “derivado dos problemas estruturais e da mala calidade dos materiais utilizados na construción do hospital que vai provocar que se traia comida desde 800 quilómetros de distancia”.
“O Partido Popular ten que explicar que vai facer para que este peche non signifique unha peor alimentación das persoas hospitalizadas, que medidas lle vai esixir á empresa concesionaria e que seguimento está a facer do funcionamento do hospital”, inquiriu Prado. Desde o Bloque demandan que se lle esixan responsabilidades á empresa concesionaria do HAC e que se poña en marcha unha auditoría para avaliar o funcionamento dos diferentes servizos baixo xestión privada.
Rescate da concesión
Pola súa parte, o concelleiro do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas, cualificou o sucedido coa cociña do HAC como “un capítulo máis na continuada tomadura de pelo, na estafa política, que supuxo a imposición polo Partido Popular dun modelo de hospital recortado e privatizado”. Igrexas volveu defender a necesidade “urxente e irrenunciábel” de acometer o rescate da actual concesión privada para dotar a cidade e a área sanitaria de Vigo do “hospital cento por cento público que merece e necesita, e que de maneira case unánime esixe a cidadanía”.
Neste sentido, o portavoz municipal nacionalista volveu cargar contra a "xestión privada do HAC" que supón que se transfiran máis de 100 millóns de euros ao ano a empresas privadas. “Non podemos seguir permitindo que se converta a saúde das viguesas e vigueses nunha oportunidade de negocio para empresas amigas. Hai que poñer fin a este modelo que converteu a área de Vigo na zona cero da desfeita sanitaria”, reclamou.