A práctica totalidade do cadro de persoal do servizo de mantemento das zonas verdes do Concello de Vigo vén de decidir en asemblea convocar folga indefinida dende o vindeiro luns 19 de abril ante os “incumprimentos en materia laboral e salarial” por parte da UTE adxudicataria do servizo, Zonas Verdes de Vigo, formada por Acciona Medio Ambiente-Mantén.
Dende a federación de Servizos da CIG, central sindical que preside o comité de empresa, sinalan que a UTE está a “incumprir o prego de condicións do concurso”, que obriga a contratar a máis persoas a tempo completo. “O propio alcalde presumiu nos medios de comunicación, pero só fixeron contratos parciais de tres días e de 15 horas, en lugar de toda a xornada”, denuncian. Isto, ademais de ao persoal, afecta á empresas que non se presentaron ao concurso precisamente pola obriga de ter que facer máis contratacións, “e agora a UTE non respecta o prego”.
Ao mesmo tempo, denuncian un incumprimento no pago dos salarios, xa que até o día de onte non estaban aboando o plus de 20 euros ao mes. Outra irregularidade ten que ver coa liquidación entre empresas, tendo en conta que o convenio obriga á que sae e á que entra a pagarse entre elas para que o persoal non vexa reducidas as liquidacións, “pero o que fixeron foi pagarlle a liquidación conxunta, non respectando o convenio”.
Ademais, a UTE estaría a modificar os horarios do persoal sen previo aviso e sen negociación. “A empresa pretende utilizar a covid para cambiar horarios e establecer horarios de inverno e verán, cousa que non teñen no convenio de aplicación”. Neste senso, dende a CIG-Servizos denuncian que este cambio de horarios “á carta” vulnera o dereito de conciliación de todo o cadro de persoal.