O PP aproba os novos orzamentos da Deputación centrados no "turismo, deporte e cultura"

Publicidad

A Deputación de Pontevedra vén de aprobar este venres, nunha sesión plenaria extraordinaria,  o Orzamento máis alto da súa historia. Unhas contas que alcanzan os 189,2 millóns de euros e que o goberno provincial define como “as contas do municipalismo” porque dedican un de cada tres euros ao apoio directo aos concellos da provincia. Ademais, o documento aprobado recolle, defende o Goberno provincial, unha "clara aposta" por áreas estratéxicas para o executivo que encabeza Luis López como son o turismo, o deporte e a cultura, que incrementan notablemente as súas partidas en comparación co ano anterior.

Coa aprobación en pleno deste Orzamento, que obtivo os votos favorables dos deputados do Grupo Popular e rexeitamento dos deputados do PSOE e o BNG, o goberno provincial dá cumprimento ao seu compromiso de facer que as novas contas, as primeiras do mandato de López, entren en vigor o primeiro día do próximo ano. “Dixemos que este goberno ía ter en vigor o 1 de xaneiro os Orzamentos do ano 2024 e aquí estamos para debatelos e aprobalos a 10 de novembro, cumprindo a nosa palabra”, comezou o voceiro do goberno provincial, Jorge Cubela, a presentación das contas.

Os 189,2 millóns de euros do Orzamento supoñen un incremento de 7,6 millóns máis que as contas do ano anterior, é dicir, unha suba dun 4,2 % comparado coa cifra do 2023. Un orzamento que reflicta “un municipalismo histórico, unha aposta clara polo turismo, o deporte e a cultura e moita sensibilidade co reto demográfico, a xuventude, a cooperación, o medio ambiente e a atención aos traballadores desta casa”, argumentou Cubela antes de debullar os detalles de cada unha das principais partidas.

Apoio aos concellos

A partida para Cooperación, dotada cun total de 66 millóns de euros, crece un 16 % con respecto ao exercicio anterior. Un incremento de 9,3 millóns de euros que serve para sufragar o maior plan de obras e servizos da  historia da Deputación, o programa +Provincia. Este plan, que dispón dunha contía de 48,2 millóns, está formado por catro liñas para apoiar aos concellos de menos de 50.000 habitantes en materia de investimentos, emprego, gasto corrente e, como novidade, elaboración de proxectos de futuro e transformadores. Esta área de Cooperación inclúe tamén os convenios particulares coas cidades de Vigo e Pontevedra, dotado cada un con 7,5 millóns de euros, ou o Plan Provincia Comunitaria que destina 2 millóns de euros ao tecido asociativo e reserva un millón de euros para o Plan +Aqua, para apoiar ás comunidades de usuarios de auga nunha mellor explotación dos recursos hídricos da provincia.

Aposta decidida polo Turismo, Deporte e Cultura

Outros eixos estratéxicos deste documento son o Turismo, o Deporte e a Cultura. Na primeira área, o Orzamento provincial recolle unha suba do 1,8 % ata situar a partida nun total de 5,6 millóns de euros. “A subida real é moito maior, superior ao millón de euros, porque rematan subvencións europeas, pero a Deputación mantén a aposta polo turismo con fondos propios”, explicou o voceiro.

En Deporte, o incremento é dun 19 %, e sitúa a partida nun total de 5,5 millóns de euros. Unha cifra que é aínda maior ao ter en conta o Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas aprobado polo goberno cun importe total de 4 millóns de euros.

A Cultura é outro dos piares da acción do goberno de Luis López. O Orzamento dedicado a esta área é de 4,7 millóns de euros, o que supón un incremento don 20 % con respecto ao ano 2023. Neste eido, tamén se reforza o apoio ao Museo de Pontevedra, que manexará un orzamento de 10,3 millóns de euros, un 3,2 % máis que no último exercicio.

Detallou Jorge Cubela, que neste primeiro Orzamento de mandato o goberno crea un novo servizo destinado á Xuventude e ao Reto Demográfico que conta con 1,2 millóns de euros para apoiar o talento da mocidade da provincia e aplicar medidas que contribúan a fixar poboación nos concellos da provincia.

Medio Ambiente e emprego

O coidado do Medio Ambiente é outra das liñas ás que a Deputación destina unha gran cantidade de recurso para situarse en 4,9 millóns de euros, o que supón un incremento do 6,4 %.

Do mesmo xeito, o goberno provincial incrementa o apoio aos centros dependentes da Deputación como son a Finca Mouriscade (+16,5 %), o Centro Príncipe Felipe (+4,4 %), a Estación Fitopatolóxica do Areeiro (+15,8 %) e a Escola de Enfermería (+5,6 %). Así mesmo, o Orzamento recolle unha mellora das condicións laborais do persoal da Deputación cunha suba salarial do 3 % ou a creación de 26 novos postos de traballo.

Salir de la versión móvil