O primeiro aeromodelo da Universidade de Vigo, o drone CORV-0, alza o voo en Alemaña

Publicidad

A cidade alemá de Múnic acolleu do 5 ao 9 de xullo a celebración da Air Cargo Challenge, considerada unha das competicións interuniversitarias de enxeñaría aeronáutica máis importantes de Europa, na que participaron 26 equipos universitarios de 13 países. Entre eles por primeira vez houbo representación galega, o equipo de aeromodelismo da Universidade de Vigo, UVigo Aerotech. O seu aeromodelo CORV-0, un drone deseñado, fabricado e ensamblado por arredor de 27 alumnos e alumnas da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo e da Escola Superior de Enxeñaría Informática do campus de Ourense, conseguiu rematar no posto 21. “Foi a nosa primeira competición. O noso reto era chegar a participar en Múnic cun drone feito por nós e conseguímolo. Alén de calquera resultado numérico, estamos moi satisfeitos coa experiencia vivida e moi orgullosos do traballo feito”, comentan desde UVigo Aerotech.

Froito de dous anos de traballo, a UVigo competiu en Alemaña co drone CORV-0, un aeromodelo dunha envergadura alar de 2,2 metros; unha velocidade máxima de 90 km/h; un peso máximo ao despegue (MTOW) de 5 kg; un peso baleiro operativo (OEW) de 3,8 kg e unha carga útil (payload) de 1,2 kg. Algúns dos sinais de identidade da aeronave con selo ourensá son as súas prestacións, entre as que destacan o deseño aerodinámico propio optimizado para a competición, o deseño das superficies de control ou a estrutura fabricada en fibra de carbono, realizados polo alumnado. Na Air Cargo Challenge, os equipos universitarios compiten por crear o mellor deseño dunha aeronave destinada a facer unha tarefa concreta. Nesta edición, a competición consistiu en completar un circuíto transportando a maior carga posible de bolsas de sangue, dando á aeronave a finalidade dun "drone médico". Os equipos foron valorados polas probas de voo, a inspección técnica da aeronave e a enxeñaría detrás do deseño, acadando no cómputo xeral o equipo da UVigo o posto 21 e 216 puntos.

Unha experiencia moi positiva

Ao longo dos días de competición en Múnic, o CORV-0 conseguiu superar con éxito a inspección técnica e entre as puntuacións obtidas, desde o equipo de aeromodelismo destacan a acadada no apartado de planos e video-presentación, “unha das máis altas da competición”, e sobre todo ter logrado facer o tempo máis baixo de carga, ser o equipo que puxo en menos tempo a carga no aeroplano. As probas de voo foron onde o equipo da UVigo tivo maiores dificultades e a pesar de lograr voar en dúas ocasións, non acadou puntuación no apartado de voos oficiais, debido a problemas provocados polo estado da pista e as condicións meteorolóxicas, que dificultaron o despegue do drone. Puntuar nos voos oficiais, aclaran desde UVigo Aerotech, é “moi difícil de acadar”, pois, comentan, “esixe un despegue e unha aterraxe perfectos, algo que moitos equipos non acadamos na Air Cargo Challenge”. En todo caso, subliñan que o avión non sufriu ningún problema crítico de voo, “xa que estaba preparado para poder enfrontarse a estas situacións e contabamos con pezas de recambio, logrando sorprender a participantes e xuíces coa velocidade de reparación e resistencia do equipo”, sinalan desde UVigo Aerotech. Na competición, recalcan, “quedou demostrada a gran calidade dos materiais proporcionados polos nosos patrocinadores, así como o proceso de fabricación que seguimos” xa que, apuntan, “a resposta estrutural foi a esperada e os danos foron mínimos, sendo aplaudido polo resto dos equipos da competición, que quedaron sorprendidos polo acabado superficial das pezas e desexaban saber cal fora a forma de conseguilo”.

Xa de volta, UVigo Aerotech considera a experiencia vivida “moi positiva, pois ao ser a primeira vez que participabamos nunha competición non sabiamos o que poderiamos atopar, a diferenza da maioría dos outros equipos, pero a pesar diso logramos mesmo alcanzar unha puntuación similar a outros con máis experiencia nalgúns aspectos”. Moitos equipos, sinalan, “felicitáronnos por lograr ter unha aeronave como a que tiñamos na nosa primeira competición, así como polo traballo que fixemos durante todos os días”. Neste senso, da experiencia vivida estes días en Alemaña, as e os estudantes poñen en valor o feito de “ter aprendido moito do resto de competidores, cos que houbo moi boa relación, especialmente cos españois”.

Pensando en próximos retos

No desenvolvemento desta iniciativa desde UVigo Aerotech fan fincapé no seu agradecemento a todas as entidades públicas e privadas que colaboraron e colaboran co equipo. O proxecto, comentan, non sería posible sen o apoio das empresas e entidades patrocinadoras, entre las Coasa, Utingal, Altair, Dosmasdos, Gurit, Europrecis, Mecadis, Marine Instruments, o CITI, a Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo e a Axencia Galega de Innovación. Foron, destacan, dous anos de intenso traballo en equipo nos que afrontaron o complexo reto non só de deseñar senón tamén de fabricar un aeromodelo listo para a competición real, colaborando no proceso con numerosas empresas e entidades. Despois desta experiencia, recalcan desde UVigo Aerotech, “vémonos máis fortes que nunca para seguir adiante cos nosos proxectos, isto foi só o principio e vémonos perfectamente capacitados para entrar en postos competitivos na próxima edición da Air Cargo Challenge”.

Salir de la versión móvil