Que pasa cando mesturamos cafés, coñecemento e moitas ganas de compartir e aprender? Nace ‘Embaixadores e Embaixadoras da ciencia e do coñecemento’, un ciclo de charlas no que o alumnado do Programa Universitario de Maiores (PUM) da Universidade de Vigo cambia as aulas por cafetarías para compartir co conxunto da cidadanía uns minutos ‘de ciencia e vida’.
A cuarta edición desta iniciativa, impulsada pola Unidade de Cultura Científica e da Innovación (UCC+i), arrancará o vindeiro martes 17 de xuño en Vigo, continuando o martes 24 en Ourense e o mércores 25 en Pontevedra. “Serán tres tardes para deixar os prexuízos fóra e abrir ben os oídos: porque nestes faladoiros, a sabedoría medra coa experiencia e a ciencia faise conversa”, salientan desde a UCC+i, ao tempo que lembran que esta proposta está enmarcada dentro do plan anual Ciencia de ida e volta da UCC+i da Universidade de Vigo, financiado pola Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT) – Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades.
O alumnado do PUM ten moito que contar e farao da mellor maneira: “con paixón, sinxeleza e moito humor”. Como é habitual falarase de temas moi presentes no día a día: desde tecnoloxía láser ata marcha nórdica pasando pola produción cinematográfica e, nesta aventura, non estarán sós. Cada intervención contará co apoio e asesoramento de persoal investigador da UVigo, que os axudou a preparar os relatorios combinando rigor científico e vivencia vital.
En Vigo, láser; en Ourense, cine, e en Pontevedra, marcha nórdica
No caso de Vigo a cita será o martes 17 ás 18.00 horas no Vitruvia Café, na praza de Compostela, nº 5, baixo o lema "Descifrando o láser: principios básicos e usos prácticos". Encargarase de impartir a charla a alumna Regina Conde, acompañada neste caso por María Dolores Valdés, investigadora e docente da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación dedicada ao deseño de sistemas electrónicos para adquisición e procesado de sinais. A idea é achegar ao público asistente aos fundamentos da tecnoloxía láser e ás súas aplicacións de forma moi dinámica e orixinal.
En Ourense o lugar de encontro será El Cercano (Cardenal Quevedo, 20-baixo), o 24 de xuño ás 18.00 horas e, neste caso, o fío condutor será ‘A experiencia de crear cine na aula: unha charla con protagonistas’. Levará a batuta Ramón Fernández Fernández, guionista e director autodidacta que puxo en marcha a película "12 no Camiño". O filme, rodado en distintos enclaves galegos do Camiño de Santiago, está protagonizado por profesorado e alumnado do programa de maiores do campus de Ourense e foi proxectado en diferentes salas de cine e festivais. O director e algúns dos seus protagonistas describirán os aspectos máis técnicos do proxecto, sen esquecer as emocións que este proxecto espertou, e segue espertando, neles.
Ao día seguinte, mércores 25, tamén ás 18.00, as charlas trasladaranse a Pontevedra. Co título ‘Moito máis ca camiñar: o poder da marcha nórdica’, Virtudes Domínguez, acompañada por Iris Machado de Oliveira, investigadora da Facultade de Fisioterapia dedicada á investigación en exercicio terapéutico e envellecemento activo, falará da súa experiencia con esta modalidade de exercicio e como pode converterse nunha importante ferramenta de promoción da saúde.
Agárdase repetir o éxito das anteriores edicións
Dende a organización destacan o éxito de asistencia e o interese do público que obtiveron estas charlas en pasadas edicións. "Son un reflexo do espírito de compañeirismo que se respira no Programa Universitario de Maiores". Entre cafés e reflexións compartidas, queda patente, ao seu modo de ver, o forte vínculo que une ao alumnado sénior, sempre disposto a apoiar, animar e celebrar os logros dos seus compañeiros e compañeiras. "Esta experiencia demostra que o saber non só se transmite, tamén se vive en comunidade, reforzando a idea de que aprender xuntos, a calquera idade, é unha das formas máis fermosas de seguir medrando".