Os Premios Galicia das Telecomunicacións e da Sociedade da Información acaban de fallar a súa edición 2024 e un dos premios recae no proxecto Celia, liderado por atlanTTic, o Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación da Universidade de Vigo. En concreto, esta iniciativa de intelixencia conversacional para asistentes interactivos orientados á linguaxe é merecedora do premio Amtega ao mellor proxecto TIC con beneficios sociais 2024.
- Te puede interesar: UVigo e Deputación destinan 24.000 euros ás axudas de investigación da Cátedra Feminismos 4.0
O proxecto liderado polo profesor e director do Grupo de Tecnoloxías da Información (GTI) Francisco Javier González Castaño botou a andar hai preto de seis anos co obxectivo de desenvolver unha metodoloxía de acompañamento terapéutico intelixente para persoas maiores ou con demencia en estados iniciais. Tras rematar o período de probas cun grupo de usuarios e grazas ao apoio do Programa Ignicia da Axencia Galega de Innovación da Xunta de Galicia e a Fundación Barrié, o asistente de conversa Celia está, dende o pasado mes de decembro, a disposición da poboación para dar resposta a dous dos retos máis complexos que afronta a sociedade actual: empregando intelixencia artificial combate a soidade non desexada e tamén axuda a detectar de forma precoz enfermidades cognitivas. Así, con este dobre enfoque emocional e sanitario, o asistente permite acompañar, conversar e entreter con empatía a persoas de idade avanzada e, ao mesmo tempo, monitoriza a saúde cognitiva dos seus usuarios a través da análise da linguaxe e da voz.
Como explican dende o Colexio Oficial e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia, entidades que impulsan estes galardóns, o xurado destaca que se trata “dun proxecto de utilidade social evidente, sobre todo nunha sociedade cada vez máis envellecida, na que a soidade é un problema crecente”. Ademais, engaden, ofrece “un asistente de saúde para mellorar a calidade de vida e axudar ao diagnóstico precoz de problemas de saúde mental”.
Premio ao mellor expediente
Este non é o único premio desta convocatoria que recala en atlanTTic, xa que a distinción ao Mellor expediente académico do Mestrado en Enxeñaría de Telecomunicación da Universidade de Vigo foi para Diego Cajaraville Aboy, tamén investigador deste centro.
O resto dos Premios Galicia das Telecomunicacións e da Sociedade da Información foron para Alfredo Ramos, director de R e MásOrange en Galicia, distinguido como Enxeñeiro do Ano; para o Museo Didáctico das Telecomunicacións da Coruña, que recibe o premio Socio de Honra; e para a Universidade de Santiago de Compostela, na que recae o premio Axians á entidade galega que aposta polo desenvolvemento de infraestruturas intelixentes de telecomunicacións 2024.
Todos estes galardóns serán entregados no transcurso da XXVIII Noite Galega das Telecomunicacións e da Sociedade da Información, que se celebrará o 20 de setembro na Illa da Toxa.