Digna Rivas volve presentarse como candidata do PSdeG á Alcaldía de Redondela e anuncia a Pilar Martínez González como segunda da lista electoral para as eleccións municipais do 28 de maio. “As mulleres somos capaces de todo. Digna Rivas e máis eu coñecémonos da mesma loita en Redondela e xuntas non sumamos, xuntas multiplicamos”, declara Martínez.
Pilar Martínez naceu en 1954 e leva dende os 20 anos vivindo en Redondela. Aquí formou a súa familia e asentou a súa vida profesional. É médica pediatra de profesión, aínda que xa está xubilada, e é tamén a fundadora da ONG Da Man coa que dedica o seu tempo ao traballo solidario, a axuda humanitaria e a cooperación en países en vías de desenvolvemento.
Esta non é a primeira vez que se presenta nas listas electorais do municipio, chegando a ser Concelleira de Saúde e Medio Ambiente no ano 1999. Conta coa experiencia necesaria e volve con forza e novas ideas para “dedicarse á xente e devolver a Redondela todo o que fixo por ela”. Sinala que “un dos puntos máis importantes polos que levo loitando toda a vida é a Seguridade Social e a importancia de concienciar á xente do perigo de privatizar a sanidade”.
Considera que depois de seguir o traballo feito pola equipa de Digna Rivas e ver que “si se pode conseguir avanzar e que as cousas melloren”, quixo unirse para multiplicar forza, colaborar e aportar o que ela sabe, o seu tempo e a súa ilusión.
“O máis imoirtante aquí é axudar a que a calidade de vida das persoas vulnerables mellore, sobre todo as persoas maiores e os máis cativos e cativas. Estes últimos son, moitas veces, vítimas das súas propias circunstancias. Grazas a ser médico, coñezo vidas e situacións moi difíciles e é fundamental ter conta dos nenos e nenas que son o noso futuro. O meu soño sería que ningún deles tivera que comezar o día sen almorzar”, engade con entusiasmo Pilar Martínez.
Cando se lle pregunta polo que pode aportar ao Goberno de Redondela explica que “cando falamos dun traballo nun sector, hai que falar de todo o que é transversal a ese sector”. E pon un exemplo claro sobre a infancia no que engade que “hai que ter en conta a súa contorna social, a súa familia, a súa educación, a saúde e un longo etc. para logo reunir todo isto e poder axudar a nivel integral”.
"Traballar de forma transversal"
Para ela un concello debe funcionar igual, pois hai que traballar de forma transversal con todas as concellerías e ter en conta todos os factores que inflúen na vida dos veciños e veciñas de Redondela para realmente marcar unha diferencia. Martínez considera que “esta é a forma na que traballa o equipo de Digna Rivas e por iso tomei a decisión de unirme a ela. Temos a mesma forma de pensar, a mesma ética de traballo e a mesma filosofía de solidariedade”.
En canto a súa historia na vida política ten claro que desde pequena a súa vida é de esquerdas. “A solidariedade a mamei desde casa, porque a miña nai era enfermeira e matrona. Levo desde os dez anos axudando a asistir partos e tratando, coa guía da miña nai, a saúde de persoas en situacións complexas derivadas da época que nos tocou vivir en España. Ser de esquerdas é algo que se é dende que te levantas ata que te deitas e mesmo durmindo”. Deixa moi latente no seu discurso que “o traballo, a constancia e a solidariedade é o que aprendín ao longo da miña vida e iso é o que podo achegar ao goberno de Redondela”.
Pola súa banda, Digna Rivas considera que o traballo de Pilar Martínez en Da Man e a súa historia de vida vai ser enriquecedor para a equipa de goberno e ten claro que “imos volver gobernar máis reforzados e con máis forza”. “Coñézoa dende hai moitos anos, sei quen é Pilar MArtínez como persoa e como profesional. En Redondela é unha persoa implicada en todo, socialmente e humanamente”. Para estas dúas mulleres loitadoras “a política é servir á cidadanía”.
Para Rivas, Pilar Martínez ten todos os requisitos para facer un bo traballo no Concello de Redondela, porque “é constante, traballadora e de esquerdas desde que ten memoria”. Remata dándolle as grazas “por confiar en min e neste proxecto para os próximos catro anos. É unha honra tela ao meu carón, porque sei que é o que necesita Redondela”.
Para rematar, Pilar Martínez que non ten pelos na lingua reafírmase en que “o que queremos é gobernar para frear á dereita. Os políticos de dereitas en xeral e concretamente os políticos de dereitas deste municipio teñen un discurso moi artificial e cando falan de solidaridade non saben do que están falando. Eu, como moita xente, considero que os impostores identifícanse enseguida. Levo toda a vida escoitando os seus discursos finxidos e sei o que fixo a dereita no pasado e o que son capaces de facer. Por iso teño claro que é moi importante para a sociedade frear a estes impostores. Dende aquí anuncio que, xunto a equipa de Digna Rivas, gobernará a esquerda”.