O PSOE de Nigrán revalidou nas eleccións deste domingo 28 de maio a súa folgada maioría absoluta permitindo que por vez primeira na historia democrática do municipio un mesmo alcalde afronte o seu terceiro mandato. “Obtivemos outra vitoria aplastante que reforza a nosa xestión e os nosos proxectos de futuro ”, valora o rexedor en funcións, Juan González, quen fai fincapé no “colosal” resultado dos socialistas en Nigrán tendo en conta, ademais, o contexto xeral. “Gañamos con amplísima diferencia en absolutamente todas as mesas de todas as parroquias, nalgunhas mesmo duplicando á oposición, o que nos da moita confianza para seguir gobernando como ata agora: pensando sempre no benestar das persoas e cumprindo cos grandes retos de futuro que anunciamos”, resume.
O resultado significa que o PSOE de Nigrán continúe por segundo mandato consecutivo gozando de maioría absolutísma con 11 concelleiros gobernando e 6 na oposición (5 PP e 1 BNG). As únicas caras novas serán as de Sara Penedo Vázquez, veciña de Panxón de 27 anos e licenciada en Ciencias do Deporte, polo que levará esta área; Estela Pérez Pérez, veciña de Chandebrito licenciada en Maxisterio e quen xa fora concelleira nos anos 2007-2010 e que levará Educación; e Roberto Garrido Pereira, veciño de Nigrán de 34 anos licenciado en Historia.
“Manteremos igual case todas as áreas igual pero incorporaremos novas tamén, nos vindeiros días iremos pechando todo”, avanza. Precisamente, a suma de Sara Penedo deixará unha imaxe especialmente emotiva na investidura do 17 de Xuño, xa que presidirá a mesa xunto ao seu avó e compañeiro de partido Alfonso Vázquez, a persoa máis nova e de máis idade da corporación, respectivamente.
“Están a piques de florecer auténticos fitos transformadores de Nigrán froito de anos de xestión e compromiso firme deste goberno: a aprobación provisional do PXOM; o parque forestal Os Matos-Río Táboas, os bosques-escola de Camos e Vilariño, a repatrición do mosaico romano de Panxón, a escavación completa do castro de Chandebrito, o muíño de Porto do Molle totalmente rehabilitado e en uso, o ambulatorio de Panxón como local social para maiores e mocidade, as sendas peonís de Parada e Camos, Otero Pedrayo e Mestra Emérita humanizadas… Accións que levan moito más tempo de xestión do que quixéramos pero que nos permiten tamén en recuperar os dous ediles que perdemos", conclúe González.
Concelleiros socialistas
- Juan A. González Pérez. Alcalde de Nigrán en funcións . Historiador. San Pedro
- Rubén Rial Sánchez. Teniente de Alcalde. Concelleiro de Vías e Obras, Limpeza, Servizos Urbáns e Seguridade en funcións. Bombeiro do GES. Nigrán
- Diego García Moreira. Concelleiro de Urbanismo, Mobilidade, Medio Ambiente, Réxime Interior e Persoal en funcións. Avogado-Economista. Camos
- Sara Penedo Vázquez. Panxón. Licenciada en Ciencias do Deporte. Panxón
- Estela Pérez Pérez. Chandebrito. Licenciada en Maxisterio. Chandebrito
- Bibiana Peixoto Iglesias. Concelleira de Servizos Sociais en funcións. Mestra. San Pedro
- Roberto Garrido Pereira. Nigrán. Licenciado en Historia. Nigrán
- Cristina Dosil Valverde. Concelleira de Turismo, Xuventude e Participación Cidadá en funcións. Operaria de automoción. Parada
- Patricia Diego Travieso. Concelleira de Igualdade, Voluntariado e Comercio en funcións. Perruqueira. San Pedro
- Alfonso Vázquez Pérez. Concelleiro de Sanidade, Abastos, Mercados, Turismo Social e Festexos Populares en funcións. Xubilado. Parada
- María Esperanza Mayán Areal. Concelleira de Terceira Idade. Auxiliar de Enfermaría en funcións. Camos