Os socialistas de Baiona defenden o seu traballo á fronte do Goberno municipal na anterior lexislatura e censuran as "mentiras do señor Almuíña ao dicir que non había cartos no Concello".
Nun comunicado enviado á prensa, o PSdeG-PSOE local destaca que no primeiro pleno ordinario da nova corporación municipal, agora con maioría absoluta do Partido Popular de Jesús Vázquez Almuíña, aprobouse por trámite de urxencia unha modificación orzamentaria que "incrementou o orzamento municipal de 2023 en 2,3 millóns de euros".
Esta medida, denuncian os socialistas, "demostra que o goberno socialista deixou en moi bo estado as arcas municipais", segundo sostén o exalcalde e portavoz do PSOE, Carlos Gómez Prado. Por último, os socialistas engaden que "desgrazadamente, os que pagan as mentiras de Almuiña son os colectivos e asociacións de Baiona, que sufriron recortes no seu caché coa excusa da suposta falta de cartos".