As sinerxías de 16 concellos pontevedreses e 10 lusos converten este territorio transfronteirizo nunha marca ecoturística única para explorar e gozar de forma sustentable.
Un río, dous países e grandes experiencias. Esa é a esencia do Rio Minho, unha marca propia que promociona o territorio miñoto transfronteirizo como un destino de turismo activo único repleto de atractivos. Dende Crecente e Melgaço ata a desembocadura do río, as persoas visitantes atoparán dezaseis concellos pontevedreses e 10 lusos unidos para poñer en valor unha alternativa turística que permite coñecer o territorio dun xeito tranquilo desfrutando da natureza, a cultura e toda a riqueza que ofrece a contorna dunha forma activa, sostible e racional.
A fronteira convértese nesta ocasión nun gran incentivo para visitar un territorio unido para crear un destino único, orixinal e diferente á vangarda do turismo sustentable, no que a mobilidade activa cobra gran relevancia. Centenas de quilómetros de costa fluvial para explorar e gozar na que o patrimonio natural xoga tamén un papel moi importante, cunha ampla oferta de actividades náuticas e de lecer e infinidade de sendeiros para percorrer e vivir este Rio Minho transfronteirizo a pé ou en bicicleta.
Unha forma de facer turismo diferente que veciñanza e visitantes puideron descubrir a través das actividades ecoturísticas ‘Vive o Rio Minho’, un amplo programa cun éxito absoluto de participación co que aproveitar o potencial turístico da zona de forma sustentable, fomentando as visitas a pé ou en bicicleta e evitando os desprazamentos a motor. Roteiros e camiñadas foron algunhas das actividades deseñadas para amosar os atractivos e a riqueza do patrimonio paisaxístico, natural, cultural ou gastronómico dentro dun destino situado estratexicamente e compartido por dous países.
A marca turística Rio Minho naceu ao abeiro do proxecto Visit Rio Minho para potenciar a visibilidade do territorio transfronteirizo do río Minho como destino ecoturístico de calidade e incentivar a súa preservación e valorización. Ten a súa continuación no proxecto Vive Rio Minho: “Promoción e dinamización do Anel Verde (rede de sendeiros verdes do río Miño) a través de actividades transfronteirizas para a preservación, cualificación e valorización ambiental”. Este proxecto, cuxo beneficiario principal é a CIM Alto Minho, está cofinanciado nun 75% por fondos FEDER no marco da 6ª convocatoria (accións de capitalización) do INTERREG VA POCTEP 2014-2020. Nel participan como socios, ademais da CIM Alto Minho, a Deputación de Pontevedra e o AECT Rio Minho.