O Rosal denuncia que queda sen médicos para consulta

Publicidad

O Rosal denuncia "un novo episodio de precariedade na sanidade pública". O centro de saúde acaba de quedarse sen médicos para consulta, despois de dúas baixas, unha de longa duración, ás que a Xunta non substitúe e un posto que aínda que non se cubriu con ningún profesional. O Concello sinala que o municipio soamente conta cun profesional desprazado para atender urxencias, e afirman que este é “un paso máis da precarización á que estamos sometidos”. A alcaldesa, Ánxela Fernández, xa solicitou unha reunión urxente con Consellería de Sanidade para solucionar a problemática, e espera que esta situación, “moi preocupantel para a nosa veciñanza, remate o antes posible”.

O Concello e a Plataforma en Defensa da Sanidade Pública do Rosal levan tempo denunciando a precariedade do sistema sanitario no municipio, xa que os problemas que existían antes da pandemia acentuáronse coa eliminación do servizo de pediatría, pechando a consulta de San Miguel, xunto a unha atención baseada, ata hai pouco, en primar consultas telefónicas sobre as presenciais e con restricións de acceso ao Centro de Saúde.

O pleno do Concello instou fai menos dun mes á Xunta ao incremento de maneira urxente do presuposto sanitario destinado a Atención Primaria para que represente un 25 % do total en cinco anos, xa que, con esta alza, sería posíbel contratar e acabar coa precariedade laboral do persoal, e a poñer en marcha o Consello de Saúde de Galicia e os Consellos de Saúde da Área Sanitaria, para actuar con eficiencia sobre os determinantes da saúde.

Ánxela Fernández incide en que “os veciños e veciñas do Rosal xa estamos fartos de por en risco a nosa saúde pola constante precarización da Xunta”, e “urxe a unha solución o antes posible”.

Salir de la versión móvil