O Rosal está a piques de estrear o seu ecoparque do Sobreiral, un espazo verde no centro do municipio que combina natureza, lecer e inclusividade. Situado detrás do aparcamento de Xulio Sesto, no Calvario, o Concello organizará o vindeiro 8 de decembro un magosto en colaboración coa UD Ribera, o Club Ciclista O Rosal, o Acanor Novás Valinox e a Agrupación Musical do Rosal que servirá como acto inaugural.
O acto, aberto a toda a veciñanza, comezará ás 17.00 horas e contará tamén coas canteiras das escolas deportivas e musicais rosaleiras. En caso de choiva, a actividade trasladarase ao sábado 11 de decembro á mesma hora.
O ecoparque do Sobreiral busca converterse nun lugar onde os rosaleiros e rosaleiras poidan "vivir e sentir a natureza" dentro dun conxunto de sobreiras, carballos e pinos de máis de 4.000 metros cadrados no que se integran espazos destinados á primeira infancia con xogos sensoriais e de motricidade, unhas pequenas gradas para o desfrute da veciñanza, xogos tradicionais e xogos que fomentan a creatividade, especialmente de carácter musical vinculados co gran valor patrimonial que a música ten no municipio.
Un espazo “de gran valor a tan só 50 metros da Praza do Calvario que será un pulmón de vitalidade para o centro do Rosal, pero tamén para todo o municipio, xa que non hai ningún espazo similar en toda a comarca”, salienta a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.