O Rosal vén de estrear por todo o alto o novo centro neurálxico da vila coa transformación da praza do Calvario, unha obra que marca “un antes e un despois” na recuperación do espazo público do concello para as persoas e que constitúe o primeiro dos 47 proxectos levados a cabo con financiación do Plan ReacPon da Deputación rematado na provincia. A veciñanza ten deste xeito un novo punto de encontro e lecer que esta tarde se inaugurou con música e baile, e que a presidenta provincial Carmela Silva definiu como “unha nova e fermosa mostra da transformación pensando nas persoas e tamén un exemplo palpable da reactivación da provincia que vai supoñer este plan”. Pola súa banda, a alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández, subliñou o “paso histórico” dado con esta obra, “coa que non só cumprimos un gran compromiso, senón que recuperamos o epicentro da nosa actividade económica, social e de convivencia para as persoas. Porque xuntas e xuntos estamos a construír o Rosal das persoas”.
A renovación desta praza, que constitúe o centro social e administrativo do Rosal, tivo un orzamento de 1.518.474 millóns, dos que a Deputación aportou a través do ReacPon un total de 517.938€ e Concello 1.000.536 €. Carmela Silva cualificou a reforma como “modélica” e destacou na súa intervención o coidado e a calidade estética desta obra, “pensada e executada cuns estándares excepcionais, que se cabe serve para poñer aínda máis en valor a historia desta vila e os seus grandes valores patrimoniais”. “Isto va máis alá de rehabilitar; falamos de humanizar, de crear espazos amables para a xente como este que sirvan para o reencontro, para a convivencia, onde se desenvolvan actos culturais e sociais e que sexan un polo de atracción para dinamizar o concello, tanto desde o punto de vista económico como turístico –apuntou-. En definitiva, cambiar aquel modelo onde os vehículos eran protagonistas para un no que as persoas esteamos no centro”. A presidenta provincial subliñou así mesmo a relevancia do ReacPon para dotar de recursos aos concellos con este plan extraordinario “cos que mobilizar a economía da provincia, impulsando proxectos maduros que supoñen un compromiso coa mobilidade sostible, co medio ambiente, con infraestruturas modernas e dotacións para que as persoas, vivan onde vivan, desfruten dos mesmos dereitos e servizos”.
“Melloramos e transformamos a nosa praza –apuntou pola súa banda a alcaldesa Ánxela Fernández- nun espazo público de calidade e en maiúsculas, sen barreiras, inclusivo, igualitario, democrático e accesible. Convertemos un aparcamento e unha rotonda no centro neurálxico de interacción social, de convivencia, creando un espazo seguro, amable, saudable, moito máis verde no que potenciar a actividade económica de proximidade, o comercio e o consumo local”.
A renovada praza, que acolleu nesta estrea a actuación do grupo de baile de Paula Covián e a da Banda da Agrupación Musical do Rosal, conforma un novo espazo público de lecer e de uso polivalente que dota de identidade á zona. Abordouse un deseño unitario, atractivo e dinámico para esta contorna, que integra ao Concello, a Igrexa, o Mercado, a Cámara Agraria, e que conta agora cun espazo central como elemento cohesionador. Nel destaca unha sobreira de gran porte, que recorda ás árbores desta especie que había no lugar a principios do século XX, amais doutros árbores que potencian a multifuncionalidade da praza. Tamén hai que destacar o elemento elevado a modo de escenario que reinterpreta o templete de música que tiña a praza hai un século, realizado en ladrillo artesán en recordo aos cabaqueiros, produtores de tellas e ladrillos cerámicos que traballaban na zona.
Na remodelación empregáronse materiais construtivos que preservan e potencian o carácter patrimonial e arquitectónico da praza (pedra e xabre compactado con cal e formigón) e melloráronse as condicións ambientais e paisaxísticas. O proxecto incluíu así mesmo a renovación das redes de saneamento, abastecemento, pluviais, telecomunicacións e eléctricas. Amais, instalouse iluminación eficiente feita a medida que permite axustala en función das necesidades de cada momento e nova sinalización.