O Sergas descarta o regreso total das citas presenciais e o fixa no 60% ao longo de 2021

Publicidad

A Consellería de Sanidade continuará ao longo de 2021 apostando por “modificar as formas de traballo” da Atención Primaria e non recuperará ao completo a atención presencial dos doentes nunha primeira cita. Así o confirmou esta mañá o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, quen anunciou o obxectivo fixado polo Servizo Galego de Saúde, de acadar durante o ano 2021, o 60% de consultas presenciais nos seus centros de saúde.

O titular de Sanidade subliñou que a atención telefónica continuará a “compatibilizarse coa atención non presencial”, naqueles casos en que non sexa imprescindible acudir aos centros sanitarios. Durante a súa intervención, tamén anunciou que o Consello da Xunta aprobará, na xornada de mañá, a creación da Dirección Xeral de Planificación e Reforma Sanitaria, un novo departamento que traballará na planificación futura da Sanidade, e dun xeito especial, sobre o ámbito asistencial da Atención Primaria.

García Comesaña, pechou a súa intervención expoñendo que a Consellería de Sanidade continuará apostando pola atención telefónica implantado as videoconsultas, ademais dar especial importancia á nova aplicación Sergas Móbil ou o novo sistema informático CRM que permitirá xestionar as interaccións cos pacientes.

Na oposición, a parlamentaria do BNG Montse Prado denunciou que “a finais de abril de 2021 non ten xustificación que se siga dificultando o acceso aos centros de saúde”. Prado puxo de manifesto as dificultades dos galegos e galegas para obter cita presencial. “Non se permite solicitar cita presencial” denunciou a parlamentaria nacionalista para asegurar que se “infantiliza á poboación como se non puidera determinar se ten unha doenza que precisa ou non atención presencial”.

Dende o BNG lamentan que sexan necesarias dúas semanas de espera para lograr unha cita telefónica e piden que a atención presencial sexa “a norma” e non “a excepción”. “Pretenden que os galegos vaian á atención privada para que os atendan”, recuncou Prado.

O Pleno de Vigo pide "normalizar" a Atención Primaria

A maioría dos grupos políticos da Corporación Municipal de Vigo coincidiron esta mañá en solicitar as medidas necesarias, co reforzo de medios humanos e materiais, para normalizar a atención sanitaria nos centros de saúde e garantir a asistencia presencial. Co voto en contra do Partido Popular, o Pleno deu luz verde a unha moción presentada polo BNG que solicitaba a posta en marcha dun plan efectivo para afrontar as listas de agarda acumuladas ademais de reforzar os dispositivos de vacinación para a súa axilización sen reducir nin limitar a capacidade asistencial.

O texto aprobouse cunha emenda presentada polo grupo do PSdeG na que se esixe a construción de catro novos centros de saúde na cidade, despois de reducir á metade o proxecto inicial das instalacións de atención primaria que se están a executar en Bouzas. Ademais, insta á Xunta a cumprir o compromiso, manifestado polo presidente da Xunta de Galicia, de renovación e mellora dos centros de saúde de Vigo no plan anunciado ata 2024.

Salir de la versión móvil