O servizo de Hematoloxía e Hemoterapia da Área Sanitaria de Vigo ven de recibir o premio á Mellor Comunicación Oral sobre Coagulopatías Conxénitas no LXIII Congreso Nacional da Sociedade Española de Hematoloxía e Hemoterapia, por un estudo sobre hemofilia.
O traballo presentado versou sobre a estratexia terapéutica seguida en dous pacientes hemofílicos leves que no seguemento protocolizado das súas intervencións cirúrxicas fixeron inhibidores; isto é, anticorpos que neutralizan o Factor VIII, concentrado de coagulación que se lles administra durante os procedementos invasivos ou cirúrxicos para evitar o sangrado.
Segundo explica o autor principal deste estudo, o hematólogo Manuel R. López “revisamos as cirurxías e procedementos invasivos efectuados aos pacientes hemofílicos non severos en 2020, e de 10 pacientes aos que se lles realizaron 14 procedementos deste tipo, encontramos que dous deles desenvolveran o temido inhibidor fronte ao Factor VIII, o que comporta un cambio na severidade da hemofilia, pasando de ser pacientes leves a graves”.
Casos excepcionais
Neste estudo, os especialistas reportaron os factores de risco intrínsecos e extrínsecos destes pacientes para desenvolver o inhibidor, así como as estratexias terapéuticas seguidas para conseguir a desaparición dese anticorpo e que o paciente retornara ao seu estado basal.
“O noso estudo ten interese desde o punto de vista clínico pola excepcionalidade dos casos, xa que hai pouca literatura científica sobre os mesmos. Con este traballo aportamos á ciencia máis experiencia, xa que nestas enfermidades raras, todo o que sexa sumar casuística axuda a xerar evidencia.”
60 pacientes en seguimento
A Unidade do Álvaro Cunqueiro ten en seguimento aproximadamente 60 pacientes hemofílicos entre graves, moderados e leves, sendo estes últimos o grupo mais numeroso. A Hemofilia é un trastorno hemorráxico hereditario no que o sangue non coagula correctamente, dado que non produce suficiente Factor VIII (Hemofilia A) ou Factor IX (Hemofilia B). É unha enfermidade rara e crónica; e aínda que a día de hoxe non ten cura, dispón de tratamentos que permiten ás persoas que a padecen levar unha boa calidade de vida .
Desde a apertura do Álvaro Cunqueiro, "a atención a estes pacientes experimentou un cambio cualitativo radical", xa que as novas instalacións e dotacións tecnolóxicas permitiron unha maior especialización e novas prestacións da carteira de servizos desta especialidade.
Así, creouse un equipo interdisciplinar entre os hematólogos e profesionais dalgunhas especialidades (Traumatoloxía e Cirurxía Ortopédica, Medicina Física e Rehabilitación...), que avalían a mellor terapia para cada un dos casos. De feito, neste hospital, o paciente hemofílico recibe unha atención integral e hoxe en día ningún deles ten que ser traslado fora de Vigo para recibir tratamento cirúrxico.