A piques de pechar o mes de xullo, o Observatorio de Turismo Rías Baixas sitúa en preto do 72%, dúas décimas por riba do acadado no 2022, a ocupación media de xullo na provincia de Pontevedra. O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, remarcou que “o turismo é unha industria fundamental e o noso mellor escaparate ante o mundo” e, sobre os datos, subliñou que “confirman o que xa sabemos: Pontevedra é desfrutar, tal e como avalan os milleiros de persoas que se achegan ata a provincia”.
“Confiamos en que o bo comportamento que está a experimentar o sector turístico se manteña en agosto. Quero destacar o papel que están a xogar os empresarios e hostaleiros que están a demostrar, unha vez máis e xa o fixeron en momentos complicados, que cumpren e superan as expectativas de quen nos visita. Vaia pera eles o noso agradecemento e recoñecemento”, destacou o presidente.
Superan a media provincial do 71,6%, tal e como explicou Luis López, as comarcas do Morrazo, cun 78,1%; Vigo, cun 77,2%; Caldas, cun 75,2%; e O Baixo Miño cun 75,2%. Pola súa banda, a comarca do Salnés rexistrou en xullo unha media de ocupación do 70%; a de Pontevedra do 69,4%; as do Condado e da Paradanta do 60,4% e as de Deza e Terra de Montes de preto do 50%. Ademais, “tiveron un comportamento moi significativo” os concellos turísticos de Baiona, que superou o 78,7%; Vigo, co 77,2%; Pontevedra, co 72,7%; O Grove co 71,1%; e Sanxenxo co 70% de ocupación media en xullo.
No que respecta a outros aloxamentos, o presidente da Deputación indicou que, segundo “os datos claros e transparentes do Observatorio”, o turismo rural acadou preto dun 64% de ocupación en xullo, con porcentaxes próximas ao 90% nas comarcas de Caldas ou do 85% no Morrazo. Pola súa banda, a comarca do Pontevedra mantivo un 67,8% de ocupación en xullo neste tipo de establecementos; a do Salnés un 65%; O Baixo Miño chegou ao 58,6%; as comarcas de Deza e Terra de Montes do 55,7%; as comarcas do Condado e da Paradanta do 49,1%; e a comarca de Vigo dun 45,3%.
No caso dos albergues, a ocupación situouse no 52%, con niveis do 80% na comarca de Vigo; do 59% no Baixo Miño, O Condado e A Paradanta; do 48,7% en Caldas; do 48,1% en Pontevedra, O Salnés e O Morrazo; e do 30% nas contornas de Deza e Terra de Montes. Pola súa banda os cámpings estiveron ocupados ao 60%, con bos datos no Salnés ao superar o 76%; en Vigo chegaron ao 73,3%; no Morrazo ao 69%; no Condado e A Paradanta ao 34% e no Baixo Miño ao 24%. Finalmente as vivendas turísticas acadaron en xullo unha ocupación media do 75%, cinco puntos por riba do 2022.
Visitas aos castelos
“Pontevedra é sol, é praia, pero é moito máis. Tamén é cultura e patrimonio” remarcou o presidente da Deputación antes de dar a coñecer os datos de visitantes aos castelos de Soutomaior e Sobroso e ao Museo de Pontevedra. Os datos de visitas aos castelos “aumentaron nin máis nin menos que un 53% se os comparamos cos datos de xuño e xullo de pasado ano”, informou Luis López quen situou en 10.000 o número de persoas que percorreron nestes dous meses Soutomaior e Sobroso, 3.400 máis que o ano pasado.
No que respecta ao Museo de Pontevedra, no 2023 visitaron os sete edificios que o compoñen 87.200 persoas, 11.300 máis que o ano pasado o que supón un incremento do 14%. “Só en xullo –remarcou- foron 20.500 persoas e se continuamos así, ata o vindeiro 31, bateremos o récord de visitantes dun mes de xullo desde o 2017”. No caso das Ruínas de San Domingos “tamén este está a ser non o mellor mes, senón o mellor ano desde 2017”, informou o presidente que situou en 48.000 o número de persoas que visitaron este espazo do Museo de Pontevedra no que vai de ano.