O coordinador local de Esquerda Unida de Vigo e voceiro do grupo da Marea de Vigo, Ruben Pérez, vén de ser elixido para formar parte da nova Coordinadora Colegiada Federal, que dirixirá o partido durante os próximos catro anos. O seu nomeamento como responsable de Política Municipal na dirección de IU englóbase na reeleción de Alberto Garzón como coordinador xeral.
A XII Asamblea Federal de Izquierda Unida, celebrada esta pasada fin de semana, debatiu e aprobou as liñas políticas que seguirá Izquierda Unida nos próximos catro anos. Alberto Garzón foi elixido de novo coordinador xeral. “O obxectivo está marcado no reto político das vindeiras eleccións municipais no que é preciso continuar a construír, consolidar e ampliar os espazos municipalistas no conxunto do Estado”, sinalou Rubén Pérez.
Segundo explican dende Esquerda Unida, Rubén Pérez continuará traballando “na defensa da autosuficiencia financeira dos concellos e o uso racional dos seus recursos para avanzar no municipalismo”, poñendo como meta para esta lexislatura impulsar un novo sistema de financiamento local.
Con preto de 2.000 representantes municipais ao longo do Estado, “o municipalismo é, históricamente, a base do traballo político de IU , a formulación na que miles de militantes de IU medramos e na que aprendimos os valores que fan da nosa organización un referente de traballo e compromiso nos concellos”, conclúe Pérez.
Fondos europeos
Unha das tarefas urxentes que afrontan os concellos na actualidade é a súa participación directa como beneficiarios do Fondo de Recuperación recentemente aprobado na Unión Europea, feito que se recoñece tamén na proposta da Xunta de Goberno da FEMP. “As administracións locais son as grandes esquecidas no organigrama económico das administracións públicas , mais son as que asumiron de xeito máis decidido os primeiros gastos de loita contra a covid, asumindo en moitos casos competencias que non eran propias fronte á inacción doutras administracións “ engade Rubén Pérez.