A Festa do Viño do Condado do Tea pechou este domingo tres xornadas centradas na difusión e promoción vinícola da comarca. Porén, o evento vén medrando cara unha celebración gastronómica musical á que “os asistentes están a responder moi ben”, nas verbas da tenente de Alcalde, Marta Valcárcel.
Segundo os datos que manexa o Concello de Salvaterra, entre o venres e o domingo pasaron máis de 50.000 persoas polo recinto amurallado da vila, un enclave “único” que permite unha “mestura de historia, cultura, gastronomía e música que fai especial ao evento”, destaca Valcárcel.
Nesta edición até 28 adegas instalaron os seus postos na festa –dous máis que no pasado ano- vendendo 30.000 botellas de viño, ben para desfrutar alí mesmo ou para levar. A cita está apoiada polo órgano regulador da Denominación de Orixe Rías Baixas.
Co obxectivo de dinamizar o evento, dende o Concello estanse a impulsar as “Noites Gastronómicas” que engaden concertos de recoñecidos artistas á oferta gastrovinícola.