Oia estrea un documental para non esquecer o seu pasado

Publicidad

O Centro Cultural de Pedornes acolle este venres a estrea do audiovisual Memorias de Oia, unha compilación de vivencias e anécdotas coas que as persoas maiores de diversos lugares do municipio lembran e describen como era a vida en Oia nos seus anos mozos. Relatos sobre o traballo, dificultades, festas e historias do día a día narradas polos seus propios protagonistas co obxectivo de evitar que todo este patrimonio inmaterial caia no esquecemento.

A proxección será o próximo venres 9 de novembro ás 18.30 horas, dentro da programación da XXXII Semana Cultural de Pedornes.

O traballo audiovisual é froito de meses de traballo no deseño e desenvolvemento das entrevistas e a edición de todo o material gravado. Trátase dun documental de aproximadamente hora e media de duración a través do que se poderá descubrir a realidade histórica de Oia ao tempo que se pon en valor o patrimonio inmaterial: costumes, tradicións, oficios e especialmente a lingua galega e as variantes dialectais da zona.

Este proxecto é unha iniciativa do Concello de Oia e contou cun investimento total de 2.202,20 euros, financiados cunha subvenciónda Xunta para a promoción do uso da lingua galega (1.595 euros) e máis cunha achega municipal.

O documental contou coa colaboración de Patricia Muñoz da Asociación Costa dos Castros e de Chicho, veciño de Pedornes que achegou material audiovisual histórico.

Debido á grande cantidade de material recollido dentro do proxecto Memorias de Oia, e tendo en conta que o proceso de entrevistas aínda permanece aberto, nos vindeiros meses editarase unha segunda parte do documental.

Salir de la versión móvil