Alguén sabe de donde veñen as prantas? Así de directos comezarán os técnicos da empresa ponteareá Ecocelta o primeiro encontro que manterán co alumnado de primaria dos centros educativos CEIP Bouza Brey e CEIP Ramiro Sabell de Ponteareas.
Dende a orixe ata o froito, o alumnado destes dous centros poderá aprender a cultivar unha horta tanto na teoría como na práctica grazas á iniciativa da Concellería de Ensino que dirixe Cristina Fernández.
Que cada centro escolar teña a sua propia horta é o obxectivo deste proxecto piloto que por primeira vez se realizará co esforzo conxunto da ANPA, da directiva, do alumnado, do profesorado, dos profesionais de Ecocelta e do Concello de dous centros educativos. Para o resto dos centros realizaránse outras actividades transversais relacionadas co ensino e o medio ambiente.
Toda a comunidade educativa asesorada polos expertos de Ecocelta, Bárbara Álvarez e Sergio Quiroga, farán posible que os cultivos xerminen, que medren, que dean froitos e que non sequen na tempada estival.
Nestes días, a Concelleira de Ensino acompañada dos responsables de Ecocelta, está a manter encontros cos dous centros educativos e as ANPAS para estudar a posible ubicación das hortas. O proxecto comeza así, coa planificación da horta sobre o terreo, coa estrutura e o espazo co que contará, coa elección dos cultivos segundo o solo e a orientación e coas inmensas ganas de todos de que os pequenos e pequenas consigan coas súas propias mans cultivar.
Nesta lección de autonomía, bioloxía e ciencias aprenderán a xerminar preparando os semilleiros, saberán como abonar, transplantar e todo o preciso para despois poder probar os froitos da súa horta.
Ademais de vexetais e hortalizas tamén plantarán árbores froiteiras e investigarán se hai algún organismo benéfico que contribúa ao bo desenvolvemento das prantas da horta. “As veces hai organismos, por exemplo un insecto, que beneficia especialmente un cultivo e que cumpre unha tarefa importante; trasladar isto aos pequenos é fundamental para que aprendan a valorar cada un dos integrantes dos ecosistemas porque todos teñen unha función”, resume Sergio Quiroga de Ecocelta.
Preparados ecolóxicos a base de macela e ortiga ou cebola serán os perfectos aliados para combater posibles pragas. Todo nesta horta ten un principio e un fin, un porque e unha orixe na que ningún elemento perxudica o medio ambiente.
Chegada a tempada estival as nais e pais terán que tomar as rendas no mantemento destes hortos nos que colaborarán dando exemplo do traballo en equipo.
Para a Concelleira de Ensino o proxecto dos hortos escolares é unha actividade transversal na que se fomentarán ademais de coñecementos, tamén valores como a convivencia, a cooperacición, a participación, a toma de decisión conxuntas, o respeto e o traballo en equipo entre outros.
Se este proxecto piloto funciona a Concellería de Ensino pretende que se implanten estas hortas en todos os centros escolares e que teñan unha continuidade e se xestionen de xeito independente.