O vindeiro mércores 26 de marzo, a Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte…nas ondas! celebrará o seu 30 aniversario cun maratón de radio en directo, emitido desde diferente puntos de Galicia e do norte de Portugal. O edificio Miralles do campus de Vigo e o auditorio Marie Curie da Facultade de Educación do campus de Ourense serán dous dos lugares desde os que desenvolverá unha retransmisión na que participará alumnado de 65 centros educativos de primaria, secundaria e universidade galegos, que realizará unha programación na que a música popular e as persoas portadoras de patrimonio cultural inmaterial serán os grandes protagonistas.
A estrea dunha peza musical da docente e compositora Ana Senlle, o CEIP Seis do Nadal e o músico Pancho Álvarez e as actuacións musicais en directo de Magín Blanco e Xurxo Antúnez, do grupo Os terribles de Donas, no campus de Vigo e de Cé Orquestra Pantasma e do Mago Teto e unha conversa entre Xico Paradelo e Isaac Alonso Estravis en Ourense, son algúns dos atractivos desta xornada de radio escolar organizada pola ONG consultora de patrimonio inmaterial para a Unesco. Pola súa banda, alumnado da Facultade de Comunicación do campus e Pontevedra, da man da profesora Concha Gómez, traballou na preparación dun magazine sobre os 100 anos de historia da radio, que será presentado por catro estudantes. O alumnado da UVigo encargarase tamén, desde o Pazo de Cultura, das entrevistas ás e aos diferentes artistas e grupos que actuarán nesta maratón.
A vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais da UVigo, Mónica Valderrama, asegura que semella “incrible que PNO! cumpra 30 anos, nos que a Universidade de Vigo estivo aí cun apoio total, cedendo instalacións e con apoio técnico, pero sobre todo coa forte crenza de que era unha oportunidade moi boa para que o estudantado coñeza o medio radiofónico e, de paso, unha Universidade á que máis adiante podían ir. Unha ledicia por este aniversario, dun traballo tan ben feito”. Pola súa banda, Santiago Veloso, director de PNO! asegura que “nunca soñamos con que a Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura recoñecese o noso modelo de boas prácticas que combina o patrimonio inmaterial, a radio e as tecnoloxías da comunicación”, ao tempo que lembra que todo comezou o 29 de marzo de 1995 como unha simple xornada de radio experimental, co gallo da inauguración da ponte entre Salvaterra e Monçao. “A partir e aí e pola insistencia do alumnado que participou nesa xornada, estendeuse como unha mancha de aceite, ata chegar aos 30 anos”, sinalou Veloso.
Nove colexios, moita música e mostras de patrimonio en Vigo
Entre as 10:00 e as 14:00 do día 26 de marzo desenvolverase a retransmisión desde o edificio Miralles do campus de Vigo, onde se dará cita alumnado do IES Terra de Turonio de Gondomar, o CEIP de Petelos de Mos, o CEIP Seis do Nadal de Vigo, o CEIP Altamira e o IES Pedras Rubias de Salceda de Caselas, o CEP Carlos Casares e o IES de Salvaterra de Miño e o CPI Covaterreña de Baiona. Artesáns e artesás e persoas portadoras do patrimonio serán entrevistados polo alumnado, nunha mañá de radio, na que a estrea do novo himno da asociación, composto por Ana Senlle e Pancho Álvarez e interpretado polo alumnado do CEIP Seis do Nadal, será un dos pratos fortes do acto que se celebrará no edificio Miralles.
“As e os nenos están moi ilusionados, quedan encantados nos recreos para ensaiar”, explicou Ana Senlle, na presentación da xornada radiofónica, celebrada este mediodía no edificio Redeiras. Pola súa banda, a xefa de estudos do CEIP Seis do Nadal, integrado na rede de centros modelo de boas prácticas de patrimonio inmaterial, Isis Alonso, incidiu en que “traballamos co patrimonio inmaterial porque é fundamental que a rapazada sexa consciente del”, así como na importancia da radio na escola para traballar materias como a oratoria ou a expresión oral. Mentres, Magín Blanco destacou a súa vinculación dende neno co medio radiofónico, cuxas ondas “se mesturan coas do mar na canción que fixen para Ponte…nas ondas!”.
Oito centros, música e maxia en Ourense
No mesmo horario de 10:00 a 14:00 horas desenvolverase a retransmisión desde o edificio Politécnico do campus de Ourense na que participarán os CEIP Mestre Vide, Ben Cho Shey e O Castiñeiro de Laza; o CPI Virxe da Saleta de Cea; o IES As Lagoas; o CIFP Portovello; o centro de formación para adultos EPAPU e a Facultade de Educación e Traballo Social. Ao igual que no caso do campus de Vigo, a música e maxia terá un protagonismo especial na xornada, xunto as e os portadores da cultura tradicional oral e as entidades que traballan nela.
Na presentación do evento celebrada este venres no campus de Ourense, o seu vicerreitor, Francisco Javier Rodríguez, puxo en valor a importancia da conmemoración deste 30 aniversario para unha vez máis “pór en evidencia a importancia do patrimonio oral e inmaterial”. En nome de Ponte…nas ondas! Xosé Manuel Cid, profesor xubilado da Facultade de Educación e Traballo Social vinculado a este proxecto desde hai moitos anos, salientou que PNO! “está á altura de calquera movemento de renovación pedagóxica da historia”, subliñando entre os seus valores a interxeracionalidade, a interculturalidade e a aposta pola diversidade e pola relación entre Galicia e Portugal. A xornada do día 26, subliñou Tamara Silva, concelleira de Educación de Ourense, “será unha gran celebración” desta riqueza patrimonial e unha oportunidade para recoñecer o traballo feito por Ponte…nas ondas!. A cita, engadiu Isabel Mociño, decana da Facultade de Educación e Traballo Social de Ourense, será “unha excelente oportunidade para seguir avanzando na renovación pedagóxica e na colaboración entre as entidades que participamos nesta iniciativa e tamén para fomentar a reflexión crítica en momentos como os actuais”.
Centros educativos en toda Galicia e Portugal
65 centros educativos das tres etapas formativas, primaria, secundaria e universitaria implícanse directamente na programación do día 26 de marzo, realizando programas de radio en directo, coa participación de persoas portadoras do PCI, desde redeiras, alfareiros, contadores ou regueifeiros, que serán entrevistados e realizarán en directo demostracións dos seus saberes; aos que sumarán as e os artistas galegos e portugueses convidados e conexións con radios profesionais.
Desde a Costa da Morte (Vimianzo, Auditorio Municipal), Lugo (Auditorio Fuxan os Ventos), Santiago de Compostela (Facultade de Ciencias da Comunicación), Pontevedra (Pazo da Cultura), Valença do Minho (Alfândega) e Lisboa (Instituto Ginés de los Ríos), emitirase unha programación de catro horas en directo desde cada un dos estudios e auditorios. Esta retransmisión “radiovisual”, con realización de UVigoTV, poderá seguirse en directo desde a web de PNO! e o portal Escolas nas ondas e haberá conexións por parte das emisoras RNE, Antena 1 e Radio Tui.