Os "espectaculares" achados no xacemento do Facho descobren máis de 2.000 pezas

Publicidad

A Deputación de Pontevedra vén de aprobar o convenio de colaboración co concello de Cangas e coa comunidade de montes veciñais en man común do Hío para a intervención arqueolóxica no xacemento do Facho de Donón, cun investimento de 257.462,80 euros. Esta actuación enmárcase no protocolo co Ministerio de Fomento para a posta en valor dos xacementos galaico-romanos da provincia.

A presidenta provincial, Carmela Silva, salientou que esta iniciativa, xunto ás outras intervencións do protocolo, se enmarcan ademais “no novo plan de turismo que estamos impulsando dende a institución provincial, baseado máis nun modelo de turismo cultural e desestacionalizado”, ofrecendo alternativas diferentes de máis cultura, patrimonio, paisaxe, deporte ou gastronomía.

O Facho de Donón é un importante xacemento galaico-romano que pode ofrecer datos de gran interese para o mellor coñecemento do mundo das crenzas na fase final da cultura castrexa. De feito, este lugar vencéllase cun santuario xurdido na época prerromana, no que o culto parece ser que se estendeu polo menos ata o século IV d.C., segundo a datación das principais aras recuperadas na croa do xacemento.

É unha zona na que xa se comezaron as intervencións o pasado mes de maio na croa do xacemento, en 1.300 metros cadrados, onde se remataron as tarefas de limpeza das zonas previamente intervidas. Agora estanse comezando os traballos de restauración do sector xa intervido en campañas anteriores e as tarefas de escavación dun novo sector.

“Ata o momento, o balance é espectacular”, tal e como sinalou a presidenta tras a Xunta de Goberno. Atopáronse unhas 2.000 pezas, entre as que destacan catro moedas romanas do século IV d.C. e un obxecto de ferro de interese que está en estudo. Saíron tamén á luz restos de ánforas romanas e cerámicas castrexas.

“O obxectivo é crear unha área arqueolóxica homoxénea e restaurada para o seu aproveitamento turístico por parte das persoas visitantes e completar ademais os datos científicos existentes sobre o xacemento. Deste xeito preténdese contribuír á dinamización da zona, recuperando un novo espazo de gran valor patrimonial, cultural e tradicional como é o Facho de Donón, algo moi en consonancia co modelo de turismo que buscamos”, explicou a presidenta Carmela Silva.

A falta de rematar os traballos no Facho e no Trega a finais de ano, dende a Deputación de Pontevedra xa están executadas e finalizadas as súas actuacións dentro do protocolo con Fomento para a posta en valor dos xacementos galaico-romanos da provincia. Pola parte que compete ao Ministerio, nestas momentos están redactados e entregados a Patrimonio da Xunta os proxectos de musealización para os castros de Toiriz en Silleda, Alobre en Vilagarcía, Subidá en Marín e Igrexa Vella en Valga, que agora están pendentes da correspondente autorización de Patrimonio.

Ademais, o Ministerio de Fomento ten en fase de redacción os proxectos de musealización dos castros da Lanzada en Sanxenxo, Penalba en Campo Lameiro, Mercado dos Mouros en Valga, Adro Vello no Grove, Alto dos Cubos en Tui e Cruz do Castro en Cotobade. Fomento ten pendente ademais definir prazos de adxudicación e execución dos proxectos de musealización xa redactados e impulsar os que aínda teñen pendentes, que son Taboadexa nas Neves, Troña en Ponteareas, Trega na Guarda, Facho en Cangas, Porta de Arcos en Rodeiro, Cabeciña en Oia e Castrolandín en Cuntis.

Salir de la versión móvil