Os invernadoiros intelixentes para pisos ideados na UVigo logran o segundo premio do HackForGood

Publicidad

O proxecto HortiHouse, ideado polos estudantes María Cabrero e Jesús Valverde, acaba de facerse co segundo premio nacional do HackForGood. Neste hackathón, organizado pola rede de cátedras Telefónica, participaron estudantes de 26 universidades de toda España na procura de solucións tecnolóxicas innovadoras que desen resposta a máis dun cento de retos sociais propostos por ONG, fundacións, institucións e universidades, con fin último de traballar por un mundo mellor.

A iniciativa viguesa céntrase no deseño de invernadoiros intelixentes pensados para o interior dos fogares. A través dunha aplicación, as e os usuarios poden controlar todos os parámetros e ademais dispoñen de programas específicos para desenvolver correctamente os cultivos nas súas diferentes fases de maduración. Grazas á súa proposta poderían cultivarse dentro dos pisos pequenas hortalizas como tomates ou pementos, froitos como fresas ou framboesas ou herbas aromáticas, entre outras opcións.

María Cabrero, enxeñeira da EE de Telecomunicación e Jesús Valverde, enxeñeiro da EE Industrial, chegaron á final do HackForGood tras facerse co primeiro premio na edición viguesa celebrada no mes outubro no campus. Nesta fase nacional remataron segundos tras medirse aos vencedores de todas as fases locais das universidades participantes.

Prototipo del invernadero inteligente de HortiHouse

A prol do autoconsumo e os produtos de proximidade

A idea de HortiHouse xurde na necesidade de potenciar o autoconsumo, a sostibilidade e os produtos de proximidade. Para que a falta de espazo, de tempo ou de coñecementos non sexa unha limitación, decidiron deseñar un invernadoiro intelixente pensado para pisos ou casas que, ademais das súas funcionalidades, conta cunha estética moderna que encaixa no deseño de interiores. 

A súa proposta comprende un modelo básico de dimensións reducidas pero cunha estrutura modular, de modo que se poden combinar varias unidades en función do espazo dispoñible no fogar. Cada módulo, do que teñen un prototipo e 3D, conta cun equipo electrónico para regular as distintas variables, como iluminación, humidade e temperatura, e cun controlador que proporciona as condicións idóneas de cultivo en cada caso. A estes módulos estará conectada a aplicación móbil, que terá varias funcionalidades e permitirá ver en directo as condicións climáticas actuais e actuar sobre elas. Ademais, e pensado precisamente nas persoas que non teñen os coñecementos de agricultura precisos para a xestión dos cultivos, a App ofrece unha serie de “receitas” ou ordes programadas que manteñen as condicións ideais de cultivo ao longo das diferentes etapas de crecemento para cada tipo de planta. Así, a través dun menú poderase acceder a todas as opcións de cultivo dispoñibles coas súas respectivas indicacións, de modo que as e os usuarios só terán que seleccionar a que queiran, plantas as sementes nunha das macetas do invernadoiro e non se terán que preocupar apenas polo resto do proceso de cultivo. 

Por outra banda, os dous enxeñeiros teñen en mente que a aplicación tamén poida ofrecer unha serie de servizos engadidos de pago, como mercar terras, fertilizantes, sementes ou recambios do equipamento electrónico

Salir de la versión móvil