Os investigadores da UVigo Jianbo Xiao e Jesús Simal Gándara, únicos Highly Cited Researches do SUG en 2022

Publicidad

A Universidade de Vigo sitúa este ano dous dos seus investigadores na clasificación Highly Cited Researches (HCRs), elaborada por Clarivate, que inclúe en 2022 as e os 6938 investigadores máis citados do mundo de 69 países. Jianbo Xiao e Jesús Simal Gándara, integrantes ambos do grupo AA1 de Investigacións Agroambientais e Alimentarias da UVigo, aparecen neste listado mundial no ámbito das Ciencias da Agricultura, no caso de Jianbo Xiao, e no denominado Cross-Field, ou Multidisciplinar, no de Jesús Simal Gándara. Precisamente, nesta mesma categoría aparece Luis Liz Marzán, cuxa primeira afiliación é CIC-biomaGUNE e a segunda a UVigo, mentres que Predrag Putnik, incluído no ámbito das Ciencias da Agricultura, figura como investigador da University North-Croatia, como primeira afiliación e da UVigo, como segunda. Jianbo Xiao e Jesús Simal Gándara son os únicos investigadores das universidades galegas que aparecen na clasificación publicada este martes, na que Xiao repite por sexta vez, mentres que Simal suma tres aparicións, nos anos 2018, 2020 e 2022. Respecto do ano pasado, a UVigo mantén o mesmo número de investigadores HCRs, que en 2021 foron o propio Jianbo Xiao e Francisco J. Barba.

“Estou satisfeita de que dous investigadores da Universidade de Vigo sigan manténdose na clasificación de Clarivate de HCRs, algo que non é doado”, sinala a vicerreitora de Investigación da UVigo, Belén Rubio que, asegura que para conseguir incrementar o número de HCRs funcionan moi ben as políticas de captación de talento, como se demostrou nos casos de Jianbo Xiao e Seid Mahdi Jafari. “Se ben este ano non fixemos ningunha convocatoria específica de captación de HCR, si o intentamos co programa Beatriz Galindo, pero aínda estamos á espera da resolución”, explica Rubio. A vicerreitora de Investigación lembra ademais que a recente sinatura do consorcio para a creación do Iberian Food Tech Lab, do que son promotores a UVigo e o Politécnico de Bragança, “vai contribuír ao fortalecemento do ámbito agro-alimentario e polo tanto a manter esa posición de liderado entre as 51-75 mellores universidades do mundo, ademais de atraer máis talento estranxeiro e axudar a incrementar a internacionalización”.

No global da clasificación elaborada por Clarivate, que extrae os nomes das e dos seus integrantes das publicacións que ocupan o 1% superior por citas de campo e ano de publicación no índice de citas de Web of Science durante a última década, dos 6938 investigadores e investigadoras máis citados, o 38% son de EEUU, o 16% de China, e o 8% de Reino Unido.

Xiao, investigando o papel dos alimentos na calidade da vida

Chegado a UVigo no ano 2020 ao abeiro do programa de captación de talento HCR, Jianbo Xiao repite este ano por sexta vez na clasificación Highly Cited Researches, unha circunstancia que, segundo o investigador chinés, “proba a significativa influencia das súas investigacións en equipo en Ciencias da Agricultura”. O listado de Clarivate recolle neste 2022, 462 publicacións de Xiao en Web of Science, coas que suma 13.240 citas.

Logo de vinte meses na UVigo, onde chegou procedente de Macau, Xiao centra, neste intre a súa actividade investigadora “no papel dos alimentos na calidade da vida, na prevención do deterioro da saúde; a área de Vigo e a universidade poderían apostar polas Industrias de prevención para a saúde, xunto cas industrias farmacéuticas”, explica.

Simal Gándara, HCR por terceira vez

“A importancia institucional desta clasificación é que o número de investigadores con primeira afiliación á UVigo, normalizado en relación á universidade que teña máis afiliados, pesa ata un 20% na clasificación do ránking de Shanghai de mediados de agosto de 2023. É case a terceira parte da puntuación, tendo en conta que ata un 30% ten en conta, por unha banda, o número de estudantes da universidade que acadou un Premio Nobel o similar (ata un 10%) , así como o profesorado que acadou este tipo de galardóns (20%)”, explica o catedrático Jesús Simal Gándara sobre a súa presenza por terceira vez no Highly Cited Researches.

O listado publicado hoxe recolle 663 publicacións do coordinador do grupo AA1 de Investigacións Agroambientais e Alimentarias da UVigo en Web of Sicence, coas que suma 20.173 citas. “Por experiencia podería dicir que a UVigo está na boa liña. Trátase de apoiar aos investigadores altamente citados da institución para que sigan no listado e poidan multiplicarse na súa contorna inmediata”, valora Simal Gándara, que considera que “se debe planificar con tempo a busca de colaboracións estables con investigadores altamente citados que aposten por construír universidade cas luces largas”. Neste sentido, Simal Gándara destaca, por unha banda, “a aposta” de Jianbo Xiao pola Universidade de Vigo “na que desembarcou hai uns 20 meses con toda a súa familia e, pese ás ofertas persoais e profesionais doutras universidades, sobre todo de Oriente Medio e Asia, continúa totalmente implicado no proxecto institucional da UVigo”, asegura. Por outra banda, o catedrático da UVigo, tamén pon de relevo a presenza na clasificación deste ano de Mirian Pateiro e Rubén Domínguez, doutores pola UVigo, que aparecen no listado coa King Abdulaziz University como primeira afiliación e co Centro Tecnolóxico da Carne, como segunda.

Salir de la versión móvil