O Goberno de Nigrán vén de aprobar o proxecto para crear o primeiro parque forestal da comarca, situado na zona do Río Matos - Táboas (no monte comunal das parroquias de Camos e Chandebrito) despois de 20 meses de espera polo informe sectorial favorable da Axencia Galega de Infraestruturas. Este espazo natural, vertebrado pola fraga do río Táboas, ubicarase en 42 hectáreas de terreo totalmente calcinadas nos incendios de 2017, 30 delas pertencen á Comunidade de Montes de Camos (parcelas de Castelo e As Chans) e 12 á de Chandebrito (As Rozadas). Ambas foron cedidas ao Concello por un prazo de 5 anos. O obxectivo é crear un espazo de recreo libre e público, con valores naturais, culturais e paisaxísticos únicos que serán recuperados, conservados e promocionados.
O grave incendio de 2017 asolou todo este espazo, tanto a masa arborada de eucaliptos con aproveitamento madereiro coma o bosque autóctono de ribeira e as pantacións realizadas de coníferas e frondosas. Actualmente está cortada practicamente toda a madeira que se queimou e o terreo presenta un rexenerado natural de piñeiros, eucaliptos, carballos e castiñeiros. O obxectivo é que grazas á pronta intervención humana se recupere o bosque autóctono galego propio desta fraga, cun inmenso atractivo pola gran variedade e biodiversidade de especies vexetais e animais que o forman. Así, todos os traballos irían destinados a manter un microclima húmido coa restauración da cuberta arbórea.
O parque forestal contempla medidas naturais de prevención e defensa contra os incendios (faixas de xestión da biomasa); de posta en valor dos elementos patrimoniais e culturais (protección dos xacementos, fundamentalmente petroglifos; ou restauración do coñecido como 'Muíño do medio de Táboas); medidas de posta en valor dos elementos sociais e de uso público contemplando a accesibilidade para todos (creación dunha área recreativa en O Serradouro e As Rozadas, a pimeira delas inclúe zona de aparcamento; acondicionamento do miradoiro de O Castelo ou creación dunha ruta de subida ao mesmo); medidas de sinalización, promoción e interpretación dos valores do parque forestal (paneis, pictogramas, sinalizacións, códigos QR...)
Os traballos para recuperar a fraga arrancarán coa eliminación das especies invasoras, corta das árbores queimadas, roza manual da matogueira, tratamentos silvícolas nas frondosas existentes e replantación das mesmas. Na parte central do parque, en 6,5 ha, contémplase un arboreto representativo dos bosques galegos con carballos, cerquiños, acivros, castiñeiros, loureiros e sobreiras. Ademais, en dúas zonas con abundante pedregosidade e afloramentos rochosos (5,7 ha) plantaranse carballos autóctonos para reter o terreo e, finalmente, nas dúas valgadas naturais existentes (1,92 ha do extremo sur e leste) reforestarase con frondosas autóctonas. Os usos productivos estarán tamén presentes para eliminar a producción madereira de piñeiro e eucalipto por zonas de producción de castañas, noces, cogomelos e madeiras nobles.
“Temos o expediente listo para licitar no que será o posiblemente o máis ambicioso proxecto medioambiental da comarca”, explica o alcalde, Juan González. A redacción do proxecto foi financiada ao 100% pola Deputación de Pontevedra e contempla un investimento por parte do consistorio de 404.189 € dos que o organismo provincial concedeu tamén unha subvención de 42.670 € para a primeira fase de execución (valorada en 200.153 €).
"Despois dos incendios, tanto dende o Concello como dende as dúas comunidades, queremos por en valor este espazo e darlle unha función social; ademais, o parque servirá de protección aos núcleos de poboación máis próximos", resume o rexedor. De cara a ter finalizado o parque en dous anos, o Concello de Nigrán plantexa a realización e financiación do mesmo en dúas fases, adicando o primeiro ano fundamentalmente á erradicación completa das especies invasoras (constituída fundamentalmente por eucaliptos e acacias) e a realización de plantacións e, unha segunda fase á creación de espazos públicos, restauración dun muíño de auga, posta en valor dos petroglifos...