Os nenos de Salceda toman o mando contra a acoso escolar

Publicidad

O CEP Altamira acolleu este 30 de xaneiro, Día da Paz, a presentación dos proxectos de educación emocional en igualdade e mediación que se van levar a cabo tanto no CRA Raíña Aragonta como no propio CEP Altamira.

O proxecto está impulsado por ámbalas dúas ANPAS, e para levalo a cabo contará coa financiación das propias ANPAS, dos centros escolares e do Concello de Salceda. No caso de CRA Raíña Aragonta, a iniciativa vaise centrar na igualdade. Traballarase na aula co psicólogo Carlos Vila, e tamén a través da arte e do sorriso. A igualdade é unha das claves para conseguir unha perfecta convivencia, e é fundamental abordala xa dende as primeiras idades, nas que xa se ven comportamentos que se poderían definir case como "machismo". Para chegar ás nenas e aos nenos empregaranse formatos divertidos e próximos para acadar o mellor resultado.

Pola banda do CEP Altamira, procederase á creación dun equipo de mediación composto por 20 alumnas e alumnos de cuarto de Primaria, que deberán interceder nos diferentes conflitos que poidan xurdir no día a día do colexio. A idea é chegar a estes problemas de baixa intensidade, que para as nenas e nenos son conflitos de grande importancia aínda que moitas veces parezan insignificantes. Con este equipo de mediación moitas das situacións conflitivas xa non chegarán ao equipo directivo, senón que será o propio alumnado o que resolverá estes problemas grazas á mediación. Os alumnos elixidos serán os de cuarto de Primaria coa previsión de que esas nenas e nenos poidan facer o traballo durante tres cursos ata que rematen sexto de Primaria.

As representantes das ANPAS asistentes ao acto agradeceron a boa acollida que tivo o proxecto por parte dos equipos directivos dos dous centros educativos, que dende o primeiro momento amosaron o seu interese. Tamén agradeceron a colaboración do Concello de Salceda, que sufragará unha parte dos custos da implantación dos programas.

Clara Ojea, directora do CEP Altamira, e Mirian Seoane, xefa de estudios do CRA Raíña Aragonta, amosaron a súa satisfacción e interese no proxecto, agradecendo o traballo das ANPAS na defensa dos intereses das nenas e nenos con iniciativas tan importantes como esta.

Pola súa banda, Marcos Besada, alcalde de Salceda de Caselas, comlembrou que "non existe a carreira de pais nin de nais, polo que proxectos o este resultan fundamentais no camiño de conseguir unha educación integral para os nenos e nenas, destacando ademais a importancia de que se faga dende o ensino público". O rexedor manifestou o seu compromiso "sen ningún tipo de dúbidas" a proxectos coma este, "tan importantes na Salceda do baby boom".

No acto tamén representantes de ACROFAM, entidade encargada de levar a cabo os proxectos, a a concelleira de Educación, Teresa Pérez.

Salir de la versión móvil