Os oito motivos de Nigrán para mercar este Nadal no comercio local

Publicidad

O Concello de Nigrán vén de presentar o tráiler do vídeo que promoverá o consumo local no Nadal nun tempo de estoupido da venda online e de situación económica complexa derivada da pandemia da Covid19.
O vídeo está protagonizado polos propios comerciantes do municipio e nel expoñen cadanseu motivo para mercar dentro de Nigrán, seguindo así coa mensaxe das anteriores campañas ao respecto levadas a cabo polo consistorio. A versión completa, de 3 minutos de duración, estrearase o xoves simultaneamente nas redes sociais do Concello e se proxectará en todos os eventos de Nadal nos que tecnicamente sexa posible. O vídeo forma parte da campaña municipal iniciada a finais de novembro "Vivo en Nigrán, compro en Nigrán" e "Agora máis que nunca este Nadal merca en Nigrán" .

As oito persoas representan diferentes sectores dentro do pequeno comercio e a hostalaría da localidade e, a súa vez, pertencen a diferentes parroquias. Na versión reducida, de só 40 segundos, eles son os grandes protagonistas, na longa (de tres minutos) o vídeo vai acompañado de imaxes de establecementos e rúas de todo Nigrán. “Quixemos que os oito comerciantes fosen a voz de todo o tecido comercial do municipio e que as imaxes reforzasen esa idea de que non é preciso saír de Nigrán para mercar produtos da mellor calidade”, incide o alcalde, Juan González.

Os argumentos que ofrecen cada un deles para apostar polo pequeno comercio son simples pero contundentes: “Porque xuntos venceremos esta crise. Porque somos veciños. Porque cando todo isto pase seguiremos mantendo as rúas con vida. Porque axudas as persoas emprendedoras e xeras emprego. Porque a riqueza se queda no pobo. Porque evitas maiores desprazamentos e resulta ecolóxico. Porque aínda que agora o tape a máscara, sempre temos un sorriso de agradecemento. Porque ti nos importas”.

Paralelamente, o Concello leva esta campaña de promoción do comercio local "Agora máis que nunca este Nadal merca en Nigrán" a 60 escaparates do municipio adheridos a Ovalmi. Así, grazas á colaboración da asociación de empresarios, o Concello contratou o servizo do deseñador gráfico de Sabarís Juan Hernández para pintar con rotulador branco sobre vidro o hashtag '#VivoEnNigránComproEnNigrán' dun xeito decorativo.

A campaña do Concello inclúe diferentes aspectos, entre os que destaca o sorteo de 1.300 € en vales de 50 € entre os clientes dos establecementos adheridos a Ovalmi para consumir en 26 locais hostaleiros do municipio durante todo o 2021, difusión publicitaria e en redes, regalo de 8.000 bolsas e carteis entre o pequeno comercio ou a estrea do vídeo.

Salir de la versión móvil