Os premios GirlGeekPower repartirán 6000 euros entre as mellores alumnas de titulacións STEM

Publicidad

A porcentaxe de mulleres matriculadas no pasado curso en titulacións STEM (Science, Technology, Engineering and Mathematics) na Universidade de Vigo era do 37%, pero se a pescuda se reduce ás carreiras de enxeñaría, a cifra baixa ata o 22%. Estes datos amosan unha realidade na que as mozas están infrarrepresentadas en eidos estratéxicos do tecido produtivo, o que limita a presenza de talento feminino nas profesións con máis empregabilidade, impacto socioeconómico e proxección de futuro.

Unha das propostas que a UVigo puxo en marcha para contrarrestar esta tendencia son os Premios GirlGeekPOWER, uns galardóns que buscan poñer en valor traxectorias destacas de alumnas de carreiras STEM. Os premios teñen aberta unha nova convocatoria, na que se repartirán un total de 6000 euros e as persoas interesadas en presentar candidaturas poden facelo ata este mércores 16 de outubro.

Para alumnas dos campus de Vigo e Pontevedra

Os premios están abertos a alumnas da Universidade de Vigo de titulacións STEM dos campus situados na provincia de Pontevedra (Pontevedra e Vigo), xa que a convocatoria se encadra dentro das actividades da Cátedra Feminismos 4.0 DEPO-UVigo. En total concederase un premio e un accésit para as titulacións das ramas de Ciencias e de Ciencias da Saúde e outro premio e outro accésit para as titulacións da rama de Enxeñaría e Arquitectura. Os primeiros premios terán unha dotación de 2000 euros e os accésit de 1000 euros.

Para concorrer a estes galardóns é preciso que as alumnas estean matriculadas na Universidade de Vigo no curso 2024/2025 en 60 créditos en titulacións de grao ou mestrado universitario das ramas de Enxeñaría e Arquitectura ou Ciencias e Ciencias da Saúde. As estudantes de grao deben ter superados ata o curso 2023/2024 60 créditos da titulación na que están matriculadas e ter unha nota media de expediente ata o curso 2023/2024 no caso de continuación de estudos, ou de acceso no caso de inicio de estudos, igual ou superior a 7 nas titulacións da rama de Enxeñaría e Arquitectura, 8 nas titulacións da rama de Ciencias e 8 nas titulacións da rama de Ciencias da Saúde. Ademais, quedan fora da convocatoria as estudantes que teñan recibido este premio en algunha das convocatorias anteriores para o mesmo ciclo.

Xunto coa solicitude deberán subir ao formulario en liña unha carta de motivación na que amosen, por unha banda, as razóns que as levaron a optar por realizar estudos universitarios no ámbito das STEM e, por outra, onde reflexionen sobre a súa experiencia persoal como mulleres nun ámbito tradicionalmente masculinizado.

A selección das gañadoras realizarase atendendo a un criterio que establece que a nota media supón ata o 80 % da puntuación total e a carta de motivación o outro 20 %. A comisión de avaliación estará composta por Águeda Gómez, directora da Unidade de Igualdade, como presidenta e, como vogais, Soledad Torres, investigadora da UVigo; Lucía Muradas, xefa do Servizo de Igualdade da Deputación de Pontevedra e Ana Isabel Amoedo, funcionaria de carreira e traballadora social adscrita ao Servizo de Igualdade da Deputación de Pontevedra.

Salir de la versión móvil