O anuncio da Tarxeta PassVigo do Concello de Vigo foi premiado na XXV edición dos Premios de Publicidade en Galego na categoría de televisión. O anuncio tiña como obxectivo promocionar a nova tarxeta do Concello de Vigo que permite xa, a preto de 160.000 viguesas e vigueses, acceder e viaxar nos “vitrasas”, ademais de realizar trámites en liña a través da páxina web do Concello de Vigo e de acceso a distintos servizos municipais.
Baixo o claim “a tarxeta das viguesas e vigueses”, o spot de televisión -elaborado pola axencia Ecovigo- explicaba de forma sinxela, partindo dunha escena interior dun “vitrasa” e cun primeiro plano dun viaxeiro como fío condutor da narración, as distintas funcionalidades da nova tarxeta do Concello de Vigo (Poderás nadar, practicar o teu deporte, disfrutar de espectáculos, e dende hoxe viaxar con grandes descontos no autobús máis moderno e cómodo do pais. Sen sequera sacala da carteira...) posta en marcha coa empresa concesionaria do transporte público en Vigo, Vitrasa.
A Secretaría Xeral de Política Lingüística, o Parlamento de Galicia e o Foro Enrique Peinador son as entidades promotoras da XXV edición dos Premios de Publicidade en Galego que teñen por obxectivo promover o uso da lingua galega no ámbito publicitario en cumprimento do Plan de dinamización da lingua galega no tecido económico e do Plan xeral de normalización da lingua galega.