Pérez Igrexas: "Caballero debe escoller entre defender Vigo ou ser o fontaneiro de Moncloa na FEMP"

Publicidad

O Bloque Nacionalista Galego presentou esta mañá en rolda de prensa a proposta de moción que se someterá a debate no Pleno do Concello de Vigo deste mércores. A iniciativa nacionalista demanda a plena dispoñibilidade dos remanentes municipais e dos excedentes orzamentarios para o seu uso libre por parte da administración local, para atender as necesidades do actual contexto derivado da pandemia.

O concelleiro do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas, motivou a moción nacionalista lembrando que durante os últimos meses no marco do debate sobre a utilización dos fondos municipais, “todas as forzas políticas con representación no Pleno, sen ningunha excepción, expresamos de maneira firme e reiterada que o Concello de Vigo tiña que poder dispor dos remanentes e excedentes orzamentarios”. Uns fondos, que segundo estimara o propio alcalde o pasado mes de marzo ascenderían a arredor de 67 millóns de euros e que fican inmobilizados por causa da chamada Lei Montoro, e que o edil nacionalista sostén que permitirían despregar con recursos suficientes un Plan de Protección Social e unha Estratexia Local de Promoción Económica e do Emprego para enfrontar as conscuencias derivadas da crise do coronavirus na principal urbe galega.

“Caballero chegou a advertir que non permitiría que a Xunta se apropiase de parte destes recursos, pero agora vemos como pretende patrocinar a incautación do 65% do diñeiro de Vigo por parte do ministerio de Facenda”, reprochou en alusión ao acordo que o rexedor promove en calidade de presidente da FEMP.

A moción do BNG recolle tres propostas de acordo co obxectivo de “blindar que o diñeiro de Vigo poida ser utilizado polo Concello para atender as necesidades da cidade e das viguesas e vigueses”, explicou o portavoz municipal nacionalista. A primeira é demandar a derrogación da chamada Lei Montoro (Lei 2/2012), tal e como ven de propoñer o BNG no Congreso a través dunha Proposición Non de Lei promovida polo deputado nacionalista, Néstor Rego. O segundo acordo insta a que a interlocución entre os concellos galegos e o Goberno español se articule a través da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), onde están representados todos os municipios e deputacións galegos. E por último, a fronte nacionalista quere que o Pleno da corporación mandate de maneira expresa ás representantes do Concello de Vigo na FEMP e na FEGAMP a se opoñeren e votar en contra de calquera acordo que non permita que a administración municipal dispoña completamente e de maneira non condicionada dos seus remanentes.

“Abel Caballero di moitas veces que o seu partido é Vigo. Mañá terá a oportunidade de demostrar se é verdade ou só demagoxia, apoiando a moción do BNG rexeitando o roubo do diñeiro da cidade por Madrid ou insistindo en exercer de fontaneiro de Ferraz e da Moncloa na FEMP”, remachou Igrexas.

Salir de la versión móvil