O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, acompañou o mércores ao presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices, aos membros da mesa e aos integrantes da Comisión 4ª na súa visita á mostra 'O Pergamiño Vindel. Un tesouro en sete cantigas', no Museo do Mar de Galicia, unha exposición que xa contemplaron máis de 35.000 persoas. Segundo explicou o titular do departamento de Cultura da Xunta de Galicia, a previsión é que pasen polo Museo do Mar de Galicia para ver o Vindel máis de 450 centros educativos.
Neste sentido Román Rodríguez explicou que se trata dunha mostra temporal, “acoutada polo tanto no espazo e no tempo, pero non na memoria. Esta exposición perdurará na lembranza dos visitantes e na memoria de Galicia como un gran fito cultural”.
O conselleiro quixo ademais agradecer á Universidade de Vigo e ao seu reitor, Salustiano Mato - presente tamén na visita de hoxe- “o intenso traballo para acadar algo tan importante como que todos os galegos e galegas poidan coñecer esta obra cimeira da cultura occidental sobre a que se funda a nosa cultura, xoia literaria e musical que é o Pergamiño Vindel”. Así mesmo, agradecer o esforzo adicional que están realizando os profesionais do Museo do Mar de Galicia para xestionar esta exposición no seu día a día.
Convidando a todos aqueles que non o fixeran até o momento a que se acheguen ao Museo e visiten a mostra, Román Rodríguez lembrou que a exposición desenvolve aspectos como a cultura e a espiritualidade dunha sociedade que se abre a Europa polos camiños de peregrinación que ao longo da cornixa cantábrica conducen a Santiago de Compostela; ou o uso social do galego máis aló do ámbito literario; entre outros aspectos.
Que é o Pergamiño Vindel?
O denominado “Pergamiño Vindel” é o documento orixinal que contén as sete cantigas de amigo do trobador galego Martín Codáx, cantigas que escribiu no século XIII. Na obra, chea de sensualidade e de referencias a ritos pagáns, unha moza manifesta o seu desexo de reencontrarse co seu namorado.
Por que é tan importante?
O pergamiño ten un incontestable valor social, histórico, lingüístico e cultural para Galicia e tamén para o mundo.
1. Trátase do único dos tres manuscritos medievais que se conservan na actualidade que integra texto xunto coa notación musical. Neste senso, o seu valor é soamente comparable co Cancioneiro da Ajuda e as sete cantigas de amor compostas polo rei de Portugal, Dom Dinis.
2. Os poemas foron escritos nunha soa peza de pergamiño e cando foi descuberto, o manuscrito foi a única cantiga con notación musical escrita no século XIII. Está polo tanto considerado como o cumio da poesía vernácula e a música non relixiosa.
3. É unha xoia para a lingua galega e a historia propia de Galicia. Cando foi escrito, aínda existia o Reino de Galicia e o pergamiño clarifica o papel protagonista do galego-portugués na cultura como lingua vehicular nos cancioneiros medievais. Representa o berce da lingua galega, e da unión efectiva, a través dos dous idiomas fillos do galego-portugués, de 200 millóns de falantes na actualidade.
Que hai exactamente no documento?
O pergamiño ten unha dimensión de 34x45 centímetros e está escrito a catro columnas de 26,24,23 e 17 liñas, respectivamente. En total hai seis composicións líricas con notación musical (“Ondas do mar do Vigo”; “Mandad’ei comigo ca ven meu amigo”; “Mia yrrmana fremosa treides comigo”; “Ay Deus se sab’ora meu amado”; “Quantas sabedes amar amigo”; “Ay ondas que eu vin ver”) e unha séptima, “En o sagrad’e Vigo”, que carece de notación musical.
Unha das máis famosas e recoñecidas é, posiblemente, “Ondas do mar de Vigo”
Ondas do mar de Vigo,
se vistes meu amigo?
E ai Deus, se verrá cedo!
Ondas do mar levado,
se vistes meu amado?
E ai Deus, se verrá cedo!
Por que se denomina “Vindel”?
O nome do pergamiño fai referencia ao seu descubridor. Dende a súa creación, nalgún momento da historia perdeuse completamente o rastro do documento até que no século XX, nomeadamente en 1914, o libreiro madrileño Pedro Vindel o atopa no interior dun exemplar do século XIV.
Por que non pertence aos galegos e estaba en EE.UU?
O Pergamiño Vindel foi comprado a finais da década dos 70 por The Morgan Library and Museum, momento no que o da a coñecer ao mundo. O centro comezou a súa historia como unha biblioteca privada do banqueiro e filántropo John Pierpont Morgan e actualmente conta coa colección de manuscritos medievais e renacentistas máis grande dos Estados Unidos e funciona coma un museo e una biblioteca de investigación independente.
Canto tempo estará en Galicia?
O documento foi cedido á Universidade de Vigo en calidade de préstamo e estará exposto entre outubro de 2017 e maio de 2018 no Museo do Mar de Galicia, en Vigo, xunto a 40 pezas do século XII ao XV. Ademais, contemplase outras actividades coma un simposio internacional, conferencias, concertos, intervencións artísticas e publicacións co gallo de facer especial fincapé no valor do Pergamiño Vandel e a importancia de Vigo no mesmo.
Está traducido a máis idiomas?
Grazas ao Departamento de Filoloxía Galega e Latina da Universidade de Vigo, o Pergamiño Vindel será traducido a 50 idiomas do mundo coma o armenio, o náhuatl, o francoprovenzal, o ruso, o xaponés, o árabe, o español, o inglés, o aranés, o sueco; o totonaco, o nasa-yawa, o azerí, o grego, o éuscaro, o sardo, o italiano, o francés, o maorí, o mirandés, o bengalí, o húngaro, o catalán, o turco ou o swahili entre outros idiomas.