Piden "garantías" sobre o uso das táser pola Policía Nacional de Vigo e a Local de Redondela

Publicidad

Ante o despregamento de doce pistolas eléctricas tipo táser en Vigo pola Policía Nacional a finais de setembro e o uso dunha táser a finais de agosto pola Policía Local de Redondela nun caso para reducir e deter a un home que entrou na vivenda da súa nai en Chapela cun obxecto punzante, Amnistía Internacional enviou senllas cartas ao Comisario Xefe da Policía Nacional de Vigo e á alcaldesa de Redondela para pedir “garantías do seu uso” acorde coas normas internacionais.

“Malia estaren catalogadas como “menos letais”, Amnistía Internacional documentou casos nos que a morte dalgunhas persoas estivo relacionada co uso destes dispositivos de electrochoque ou de descarga eléctrica de proxectís, coñecidos como armas táser. Polo menos 500 persoas perderon a vida por descargas eléctricas relacionadas co uso de táser en EE.UU., onde se empregan desde hai varias décadas”, declarou Isabel Flores, voceira de Amnistía Internacional Vigo.

Nas cartas, Amnistía Internacional recoñece a "importancia" de que as e os funcionarios encargados de facer cumprir a lei dispoñan de ferramentas, como as denominadas armas "menos letais", para minimizar o perigo de mortes e lesións. “Non nos opoñemos ao emprego por parte da policía de armas táser como unha alternativa menos letal ás armas de fogo para protexer vidas e evitar lesións inxustificadas. Con todo, o seu uso debe estar suxeito a un criterio similar ao aplicado no uso das armas de fogo”, sinalou a voceira local de Amnistía Internacional.

Nas cartas á Policía Nacional de Vigo e á Local de Redondela, Amnistía Internacional subliñou que as táser deben ser parte do equipamento policial “só se existe unha necesidade operativa real” e o seu uso se limita a situacións nas que exista un risco para a vida ou integridade física do axente ou de terceiras persoas que non poida conterse por medios menos extremos e como “último recurso”, evitando os medios letais, como as armas de fogo. En todo caso, insisten en que “non deben utilizarse para o día a día da actividade policial”.

Salir de la versión móvil