Piden izar a bandeira LGBT no Concello e un maior compromiso coa diversidade sexual

Manifestación del Orgullo en 2019

Publicidad

O Bloque Nacionalista Galego reclama un maior compromiso do Concello de Vigo coa diversidade sexual e pide que se despregue como primeira medida para visibilizar esta causa a bandeira LGBT na casa consistorial, a poucos días da celebración do Día do Orgullo. A fronte nacionalista defende “dar pasos concretos, con medidas reais e efectivas” como a posta en marcha de campañas contra a violencia LGBTfóbica, dun servizo de atención e dun maior apoio ao tecido asociativo da comunidade LGBT.

“O BNG demandamos expresamente un maior compromiso, tanto no simbólico como no práctico, por parte do Concello para afirmarmos con rotundidade que estamos orgullosas e orgullosos de sermos unha cidade diversa, inclusiva e integradora”, explicou o concelleiro do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas.

O edil nacionalista propuxo como primeiro paso que a bandeira LGBT volva ondear no Concello e afeou que o alcalde de Vigo, Abel Caballero, non “tivera un só minuto para ordenar que se pendure no edificio que representa o máximo órgano democrático da cidade”.

Diante dos crecentes casos de agresións “absolutamente inadmisíbeis e intolerábeis”, Igrexas solicitou a creación de campañas contra a violencia LGBTfóbica que “permitan afirmar Vigo como un espazo seguro para a diversidade sexual”. Entre elas, pediu que se inclúan programas específicos nos centros escolares da cidade, así como a realización de obradoiros afectivo-sexuais.

Falla de apoio á comunidade LGBT

Neste sentido, o concelleiro do BNG recriminou ao Goberno municipal que non teña desenvolto practicamente ningunha acción en favor da comunidade LGBT nos paneis de publicidade institucional do Concello de Vigo, como si ten feito con campañas, entre outras, da Igrexa Católica.

Igrexas cualificou ademais de “incomprensíbel” que a maior cidade de Galiza non dispoña dun servizo de atención á diversidade sexual. Lamentou o escaso apoio que recibe o tecido asociativo da comunidade LGBT na cidade, para quen demandou máis recursos públicos como “verdadeiro dique de contención contra os discursos do odio e como único instrumento das viguesas e dos vigueses para facer valer a súa liberdade sexual”. “Vigo somos unha cidade orgullosamente diversa, polo que reclamamos que desde o simbólico até o práctico o Concello de Vigo se comprometa de verdade con esta cuestión”, remachou o edil nacionalista.

Salir de la versión móvil