Pipa, o plan que permitirá ao alumnado da UVigo acreditar o seu coñecemento de inglés

A Vicerreitoría de Internacionalización acaba de poñer en marcha a segunda edición do Plan Integral de Preparación e Acreditación do Inglés (PIPA). Esta iniciativa, que naceu o curso pasado, ten como obxectivo potenciar a formación do alumnado e tamén a acreditación dos seus coñecementos de lingua inglesa a través do exame CertAcles.

Como recalca a vicerreitora de Internacionalización, Maribel del Pozo, “é importantísimo que o alumando teña certificados que acrediten o seu nivel de idiomas”, e por iso a UVigo apostou por este programa que non só lles axuda a mellorar as súas competencias lingüísticas, senón que tamén lles facilita o trámite de certificalas. Del Pozo destaca que este tipo de acreditacións “son moi necesarias, por exemplo, se queren solicitar unha bolsa de mobilidade, xa que as universidade de destino van querer que teñan un determinado nivel de idiomas”. Pero tamén, de cara á súa inserción laboral son esenciais, porque as empresas o demandan.

1400 estudantes na proba de nivel e 100 prazas para o curso

O Plan PIPA comprende dúas fases. No primeiro cuadrimestre, ofrécese ao alumnado de novo ingreso de grao a posibilidade de realizar unha proba de nivel de inglés. Neste curso 2024/2025 foron 1400 os estudantes que realizaron esta diagnose dos seus coñecementos. Agora, na segunda fase do Plan PIP, o alumnado que obtivo nesa proba unha puntuación entre 26 e 50 puntos ten a oportunidade de participar gratuitamente nun curso preparatorio de 10 horas e despois realizar, tamén de balde, o exame oficial CertAcles para os niveis B1ou B2 de inglés. Este certificado ten validez en todo o espazo europeo e permite participar en programas de mobilidade como Erasmus, acceder a estudos de posgrao con requirimento de nivel de calquera universidade pública ou privada española, entre outros.

O curso, que será impartido polo Centro de Linguas en abril, comprende oito horas de formación en modalidade asíncrona e dúas presenciais en calquera dos campus da UVigo. En total ofértanse 100 prazas para o curso, e no caso de que o estudantado solicitante do curso que cumpra os requistos fose maior ás prazas, baremaríase tendo en conta a nota de acceso á Universidade.

Prazo de inscrición no curso, ata o 6 de marzo e o exame en maio

O alumnado que obtivese na proba do mes de setembro entre 26 e 50 puntos (ambos incluídos) ten de prazo ata o 6 de marzo para realizar a túa inscrición nesta ligazón. Cada estudante ten que decidir a que nivel se quere presentar, tendo en conta que só poderá apuntarse a un dos niveis: curso preparación PIPA B1 ou curso preparación PIPA B2. O curso desenvolverase entre o 7 e o 25 de abril a través de Moovi (8h) e unha sesión presencial de dúas horas o 28 e o 29 de abril en calquera dos tres campus.

Unha vez rematada a formación, todas as persoas inscritas que acaden ou superen unha participación do 85% poderán presentarse de balde aos exames CertAcles de B1, que terá lugar o 23 de maio, ou B2, que será o día antes, o 22 de maio. As persoas seleccionadas para o curso deberán asistir como mínimo ao 85% das horas do curso e a presentarse ao exame de CertAcles B1/B2, de non facelo deberán reintegrarlle á Universidade de Vigo o importe das matrículas (113,24 euros).

Salir de la versión móvil