Pont-Up Store converte Pontevedra no epicentro do ecosistema emprendedor galego

A presentación de máis de 40 novos proxectos empresariais e máis dunha vintena de actividades complementarias reúnense na programación do Pont-Up Store, o encontro do emprendemento que este venres e sábado desenvolve a súa décimo segunda edición na praza de España de Pontevedra. Organizado pola Asociación para o Emprendemento e a Innovación Pont-Up Store, trátase dun encontro impulsado pola Universidade de Vigo, co Concello de Pontevedra como patrocinador principal e o apoio de Deputación de Pontevedra, Xunta de Galicia e Consorcio Zona Franca, xunto con preto de 50 empresas e entidades. “Pont-Up Store é un espazo onde conflúen as entidades do ecosistema emprendedor”, sinalou o seu director, Pedro Figueroa, na apertura dun evento que busca dar visibilidade a ideas empresariais con menos de tres anos e medio de traxectoria, xunto a outra serie de iniciativas como a presentación de varios dos proxectos de emprendemento desenvolvidos ao longo deste ano no programa Incuvi da Universidade de Vigo.

“O emprendemento é unha das ferramentas que nos pode permitir facer unha sociedade máis xusta, máis próspera e espero que máis igualitaria e máis respectuosa cos dereitos humanos”, destacou o reitor da UVigo, Manuel Reigosa, no acto inaugural desta edición, na que puxo de relevo a colaboración entre institucións e entidades que representa este evento. “Galicia ten un futuro brillante se somos quen de estar a altura”, engadiu Reigosa, a apertura dun encontro que constitúe “unha referencia” e que contribúe a “promover a economía social e o emprendemento en Galicia”, como engadiu a vicerreitora do campus, Eva María Lantarón.

“Non hai emprendemento sen innovación”, engadiu o director do Pont-Up Store, que definiu como un “síntoma dun país vivo, innovador e con visión global” as preto de 40 empresas que dan a coñecer neste espazo os seus produtos e servizos, tanto nos diferentes espazos do recinto da praza de España como en diferentes actividades. A visibilidade que este evento outorga aos novos e novas emprendedores e o crecemento que experimentou ao logo das súas doce edicións foron outras das cuestións salientadas neste acto inaugural, que contou coas intervencións concelleira de Promoción Económica, Anabel Gulías; o vicepresidente da Deputación, Rafael Domínguez; ou o secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais da Xunta de Galicia, Pablo Fernández. Do mesmo xeito “a imbricación da Universidade de Vigo co mundo económico e empresarial” foi posto en valor polo delegado especial do Estado no Consorcio da Zona Franca de Vigo, David Regades; nun acto no que o presidente do Foro Empresa Pontevedra, Arturo Ramírez, interveu en nome das empresas e entidades colaboradoras.

Emprendemento que agroma nas aulas

Outro dos protagonistas desta xornada inaugural do Pont-Up Store 2025 foi o emprendemento universitario, da man do Demo-Day do programa Incuvi, que permitiu os proxectos desenvolvidos nos últimos meses por varios dos seleccionados e seleccionadas na última edición desta iniciativa, coa que a UVigo apoia o desenvolvemento das ideas de negocio do seu estudantado e de persoas recentemente titualdas. Como explicou a vicerreitora de Estudantado e Empregabilidade, Natalia Caparrini, o obxectivo deste encontro era que os emprendedores e emprendedoras universitarios “nos expliquen en que consiste o seu proxecto e, sobre todo, como evolucionou”, grazas ao seu paso polo programa. Para iso, o encontro que reuniu a representantes de varias das institucións e entidades patrocinadoras, contou cunha “mostra representativa”, como sinalou a directora da Área de Emprego e Emprendemento, Maruxa Álvarez, dos tres itinerarios deste programa, dirixido apoiar ideas de negocio cun diferente grao de desenvolvemento.

Con esa idea, puideron coñecerse dous dos proxectos impulsados na modalidade emprende, como a Apep Energys, unha comercializadora de subministro eléctrico renovable que combinaría enerxía solar local con electricidade comprada ao por maior, do estudante do PCEO ADE-Enxeñaría Informática Isaías Gil; e Xistra, un proxecto desenvolvido por un grupo de estudantes de Enxeñaría Aeroespacial centrado no desenvolvemento dunha infraestrutura que permita operar de maneira autónoma con drons, orientada ao transporte de mercancía lixeira a zonas pouco accesibles. Dirixida a proxectos que se atopan nun nivel máis avanzado de maduración, a modalidade Avanza estivo representada por Krealt, unha iniciativa dun grupo de estudantes de Enxeñaría Informática que aposta pola dixitalización de tecnoloxías 3D e realidade virtual aplicada para a mellora da experiencia do usuario en procesos de compra en liña. Previamete, este encontro permitiu coñecer coñecerse os avances de TecnificaTe, o proxecto seleccionado na modalidade Incuvi Consolida. Impulsada polo graduado en ADE Juan José Rodríguez, trátase dunha academia de formación e perfeccionamento de fútbol.

Dous días repletos de actividade

Ao longo destas dúas xornadas, este evento achegará á cidadanía unha serie de ideas de negocio, “cunha importante base tecnolóxica e unha crecente incorporación da intelixencia artificial, moi ligadas ao territorio e con fortes valores asentados na igualdade e a sustentabilidade, moitas delas orientadas ao benestar e a saúde”, sinalou Figueroa. Con esa idea, un total de 32 proxectos contan cun stand no recinto do evento, onde varias levarán a cabo actividades demostrativas, mentres que oito foron seleccionadas para o encontro Pont-Up Venture, no que teñen a oportunidade de optar a vías de financiamento.

Nestas dúas modalidades estará presente, xunto a outros proxectos, a spin-off da UVigo Serenia Solutions xurdida do traballo do Grupo de Tecnoloxías da Información de atlanTTic e nacida co obxectivo de poñer no mercado o asistente conversacional Celia, baseado en intelixencia artificial e deseñado para acompañar a persoas maiores en situacións de soidade ou con demencia en estados iniciais.

Por outra banda, a esta serie de presentacións súmase ademais a presenza de varios dos proxectos do programa Incuvi no stand institucional da UVigo, onde tamén pode coñecerse o proxecto OpenLabs, no que participa o grupo de Organización do Coñecemento da UVigo e que ten como obxectivo xerar unha rede aberta de laboratorios industriais para a transformación dixital e sostible das empresas da eurorrexión. Do mesmo xeito, outras 15 empresas “en estado inicial” poden coñecerse nestes días no espazo da Xunta de Galicia, contribuíndo a facer de Pontevedra “un verdadeiro fervedoiro de ideas de negocio”, destacou Figueroa.

Do mesmo xeito, nestas dúas xornadas desénvolvense máis dunha vintena de actividades centradas nas “tendencias e demandas do ecosistema emprendedor”. Varias delas, poñen o foco nos valores do cooperativismo, coincidindo coa conmemoración do Ano Internacional das Cooperativas, declarado pola ONU. Por outra banda, as industrias culturais e creativas son outro dos eixes desta programación, con iniciativas sobre emprendemento musical, deseño de páxinas web ou unha GameJam que levará profesionais, estudantes e persoas afeccionadas aos videoxogos a traballar conxuntamente durante 24 horas.

Salir de la versión móvil