Todo o centro urbano de Ponteareas goza xa de preferencia peonil e velocidade limitada a 20 km/hora para vehículos rodados. A concellería de Mobilidade vén de concluír a instalación da sinalización vertical en todas as rúas de acceso.
A actuación finalizada esta semana complementa outras adoptadas nos últimos quince días: por unha banda aprobouse o bando que establece esta nova regulación nas vías municipais da vila e por outra editouse e distribuise por todo o casco urbano un cartel informativo. Os vehículos a motor deben conceder prioridade aos peóns e estes poden utilizar a zona de circulación aínda que non deben estorbar innecesariamente ao vehículos.
O concelleiro de Mobilidade e Tráfico, Roberto Mera, fai un chamamento a respectar a nova regulación e circular a 20 km/h xa que considera que se gana "en seguridade e calidade de vida, con menos contaminación acústica e atmosférica”.
O Concello instalou xa a sinalización en Fermín Bouza Brey, Sarmiento Rivera, Xoán Trobador García de Guillade, Paseo Matutino, Castañal, Avenida de Galicia, Rúa da Braña e Rúa Amieiros. A única avenida que non conta con esta regulación é a de Castelao, de titularidade autonómica. O Concello solicitou á Xunta que se reduza o límite de velocidade de 50 a 30 km/h, sen obter até hoxe resposta.