Ponteareas porá en valor o Castro de Troña, un dos máis relevantes do noroeste

Publicidad

O Castro de Troña, un dos xacementos máis importantes de todo o noroeste peninsular, contará nun breve espazo de tempo cunha nova sinalización interpretativa “adaptada aos tempos nos que vivimos”.

A Deputación vén de aprobar a concesión dunha subvención de 24.387,98€ para o proxecto de “actuacións no Castro de Troña”, que ofrecerá aos visitantes unha información didáctica e actualizada. Grazas a esta achega, realizarase unha sinalización interpretativa do xacemento que está catalogado como Ben de Interese Cultural á altura de bens históricos e patrimoniais de Galicia como a catedral de Santiago ou castro do Trega.

A actuación permitirá, segundo sinala o Concello, “revalorizar o Castro con paneis dixitais interpretativos que percorran a historia”. Así, explicaranse as primeiras escavacións realizadas nos anos 20, hai preto de cen anos, permitindo ao público obter unha información e coñecementos actualizados sen a necesidade do acompañamento dun guía especializado.

Así, os novos paneis farán uso das novas tecnoloxías para que calquera visitante poida obter maior información do xacemento, tanto da parte histórica como arqueolóxica e social, accedendo a través do teléfono móbil.

As actuacións de mellora e revalorización do Castro de Troña, que é un dos valores turísticos máis relevantes de todo o noroeste peninsular, comezarán nas vindeiras semanas, unha vez obtido o permiso de Patrimonio que xa está tramitado.

En concreto, o proxecto contempla crear unha aplicación móbil que permita xeolocalizar o patrimonio arqueolóxico do val do Tea accesible a través dun código Bidi. Esta ferramenta terá a lingua galega como idioma preferente, aínda que a información estará dispoñible en castelán e inglés.

Ademais, actualizarase a información interpretativa existente no xacemento, que se atopa totalmente degradada e obsoleta a causa da mala calidade dos materiais utilizados na súa construción (madeira aglomerada).

Así mesmo, e en colaboración coa Comunidade de Montes de Pías, estanse a retirar as especies arbóreas invasoras, non so para que se poida apreciar mellor o entorno e beleza do Castro, senón para que se poida converter nun miradoiro sobre a ribeira do Tea. Neste eido, o goberno vén de expresar a súa preocupación polo estado do monte da contorna do espazo e denuncia o “incumprimento por parte do Ministerio de Fomento do protocolo que afecta directamente a un dos castros máis importantes do inventariado histórico patrimonial de Galicia”.

Como chegar ao Castro de Troña?

O Castro de Troña localízase a 4,4 km e 7 minutos en coche do Balneario de Mondariz, un referente termal e turístico, non só da comarca do Condado, senón de toda Galicia. O xacemento está a 7,7 km e 12 minutos en coche do centro da vila de Ponteareas.

Esta aldea fortificada da Idade do Ferro foi declarada Ben de Interese Cultural(BIC) na categoría de monumento pola Xunta de Galicia no ano 2009 (DOG nº 219 do 9 de novembro.

Salir de la versión móvil