Ponteareas rehabilitará por completo o seu mercado municipal nunha “ambiciosa proposta”, en palabras da rexedora en funcións, Cristina Fernández Davila, que implica a redistribución e mellora da calidade dos espazos interiores para converter o edificio nun “lugar atractivo e agradable ao que ir a mercar e traballar”.
O anteproxecto da obra recolle a aposta polo uso de novos materiais “máis cálidos”, unha mellora “substancial” na iluminación natural e a recuperación do edificio orixinal, incluída a súa cuberta, que sufriu deterioro e modificacións importantes e negativas ao longo de décadas. Ademais da reforma do edificio, a actuación suma a humanización de todo o seu entorno, abrindo o Mercado Municipal cara o parque da Perillana, para que se converta nun punto de conexión atractivo entre a zona antiga de Ponteareas e a zona máis nova de Avenida de Castelao e da contorna.
Na proposta, os laterais exteriores do Mercado, actualmente degradados e cun aspecto “deplorable”, refórmanse para convertelos en lugares agradables de estancia das persoas con actividades hostaleiras e comerciais e corredores que se poden empregar como zonas de paso para desprazarse comodamente dende A Perillana cara o centro da vila. Estas actuacións, unidas á humanización da Praza Doutor Fernández Vega executada o pasado ano, converterán o Mercado Municipal “nun punto neurálxico do centro urbano como lugar de compras, espallamento e ocio para a veciñanza”, segundo defenden dende o Goberno local.
A proposta, que segundo a concelleira de Promoción Económica, Eva Gil, “marcará un antes e un despois para o Mercado e o seu entorno”, encádrase no obxectivo global de mellora da vila de Ponteareas, que contempla obras xa en execución e novos proxectos de humanización para converter a localidade nun exemplo de vila saudábel con elevada calidade de vida.
O anteproxecto está precedido dun estudo realizado hai máis dun ano no que se analizou a potencialidade do Mercado, os seus problemas e as melloras que se debían introducir para dar viabilidade ao futuro deste centro comercial municipal que precisa modernizarse para adaptarse aos novos tempos. O estudo concluíu que a Praza de Abastos ten un grandísimo potencial pola súa localización céntrica, amplas instalacións e a tradición de consumo, especialmente do peixe como produto estrela, ao que agora se suman outros negocios que apostan polo produto local. A isto débese engadir a existencia en Ponteareas dun amplo sector de poboación nova, interesada na gastronomía e na saúde alimentaria, que demanda produto de calidade e local que pode ser ofertado na Praza de Abastos. Para converter o Mercado nun "espazo comercial moderno e atractivo" redactouse o anteproxecto de reforma arquitectónica agora presentado.