A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, augurou que a formación frontista dará a "campanada" nas eleccións municipais nas que lograrán ser "a forza que máis suba" grazas a que representan "un modelo municipal de referencia en Galicia e tamén a nivel internacional".
"Con ese aval, imos a por todas", aseverou Pontón este sábado no Porriño, onde participou na presentación dos candidatos neste municipio pontevedrés, Pedro Pereira, e no Concello de Mondariz, Xosé Emilio Torres.
A líder nacionalista mostrou o seu convencemento de que o Bloque logrará un resultado "histórico" na cita coas urnas do próximo 28 de maio que "consolidará" o "cambio de ciclo político" que, di, abriuse coas autonómicas do ano 2020 no que o BNG se converteu en segunda forza no Parlamento galego.
Unhas eleccións municipais que Pontón definiu como "claves" para o "futuro" de Galicia e ás que os nacionalistas acoden con "proxectos sólidos para cada vila e concello" e con "o aval" que, segundo Pontón, brindan "os gobernos de éxito" do Bloque nos concellos.
"Temos a confianza que nos dan os feitos, e hoxe o BNG ten a política municipal de referencia en Galicia, porque temos un modelo que transforma, que mellora a vida da xente alí onde gobernamos, un modelo capaz de xerar dinamismo económico, social e cultural", incidiu a líder frontista, que defendeu que ese modelo non é só "referencia" en Galicia, senón que o é tamén "a nivel internacional".
Así pois, Pontón mostrouse convencida que as muncipales confirmarán a tendencia aberta nas autonómicas de fai tres anos nas "os galegos depositaron a súa confianza" no BNG para "ser a alternativa real ao PP". "É importante que se consolide nas eleccións do 28M, nas que imos a por todas, con toda a ilusión e convencidas de que o BNG vai dar a campanada", apostilou.
Todo iso como primeiro paso cara ás autonómicas previstas inicialmente para o verán de 2024, que o BNG afronta co obxectivo de "seguir fortalecéndose" fronte a un PP "instalado na rutina, sen impulso político, que practica a submisión aos intereses madrileños e quere unha sociedade galega resignada".
"O país necesita un novo rumbo, que imos empezar a construír o 28M concello a concello", concluíu Ana Pontón.