A portavoz nacional, Ana Pontón, asistiu este mércores en Vigo á presentación das candidaturas do BNG para o Congreso e o Senado pola provincia de Pontevedra. Estivo acompañada polo portavoz municipal, Xabier P. Igrexas, e polas persoas que integran as listas, entre as que se atopa Carme da Silva como número un ao Congreso, seguida do vigués Brais Ruanova como número dous.
“Este 23 de xullo está en xogo que Vigo e que Galiza conten ante o Estado, está en xogo ter unha voz propia que defenda os intereses desta provincia, e está en xogo que se poña sobre a mesa o que precisa Vigo para ter un futuro mellor” declarou a líder nacionalista. Para conseguilo, Pontón manifestou que “a alternativa ao de sempre é o BNG”.
“Fronte ás forzas centralistas que fan o que lles ordenan en Madrid, o BNG vai poñer Galiza na axenda do Estado coa forza que nos dean os galegos e as galegas”, subliñou. Por iso, indicou a necesidade de “contar cun grupo galego forte no Congreso para poder ser determinantes e ter a capacidade de loitar polos nosos intereses” e recalcou que “o BNG sae a por todas, sen límites e co obxectivo claro de ter un grupo galego forte en Madrid”.
A portavoz nacional lembrou que “na última lexislatura, un só deputado do BNG foi máis útil para Galiza que os 23 restantes ao servizo das forzas estatais”, motivo polo que “o Bloque presenta para este 23X unha candidatura de país, que non ten os seus centros de decisión en Madrid e que representa a Galiza”. “Non imos aceptar o que nos impoñan dende Madrid. Queremos que Galiza sexa protagonista e que poida condicionar a política estatal”, engadiu.
Pontón manifestou con contundencia que “quen vai pelexar por Vigo, polas súas infraestruturas, pola súa industria, por unha AP-9 galega e sen peaxes e pola Saída Sur ferroviaria é o BNG”.
A candidata por Pontevedra Carme da Silva destacou que Galicia e Vigo teñen por diante grandes retos fundamentais para o seu futuro, polo que fixo un chamamento a “que Vigo conte” da man do BNG no Congreso fronte á desatención das súas necesidades “tan esquecidas polos partidos centralistas”.
“Necesitamos ese grupo galego forte, necesitamos que Vigo conte, que Vigo decida para ter un transporte ferroviario de proximidade adecuado ás necesidades de mobilidade actuais, e que se acometa, dunha vez por todas, a tan demandada saída sur. Necesitamos un grupo galego forte, necesitamos que Galiza decida, que Vigo decida, para recuperar as nosas rías e o noso litoral”, insistiu Da Silva, lembrando tamén a alta velocidade ou a necesidade do tramo urbano dende Torres Padín, entre outras necesidades.
A nacionalista lembrou que hai catro anos, na entrada do BNG no Congreso, esixiuse unha AP9 galega e libre de peaxe. “Non foi posíbel ao 100%. Pero grazas ao traballo do único deputado do BNG conseguimos que miles de galegos e galegas teñan, cada día, unha rebaixa do 50% na AP9. Un grupo galego forte en Madrid é a única garantía de que esa AP9, da que se paralizou a transferencia nesta lexislatura, sexa realmente unha AP9 galega e libre de peaxe para todos os galegos e galega”, subliñou.
Pola súa banda, o voceiro municipal en Vigo Xabier P. Igrexas pediu a viguesas e vigueses que a cidade olívica sexa “o motor de cambio que asegure un grupo galego forte en Madrid da man do BNG”. Subliñou que o grupo nacionalista é o único que vai facer valer os intereses de Vigo e Galicia, sabendo “por experiencia histórica” que os gobernos españois do bipartidismo “teimaron na desatención á maior cidade do país”.
Igrexas sinalou que nos últimos catro anos o goberno dixo “non a Vigo” rexeitando todas as solicitudes e emendas para aumentar o orzamento estatal destinado á cidade. Chamou a facer valer o peso de Galicia para desbloquear proxectos moi necesarios e salientou que na candidatura do BNG por Pontevedra hai un importante peso de Vigo, coa presenza no número dous, Brais Ruanova, e tamén de Nuno Galán, así como do número un ao Senado Ramón Nicolás.
Candidatura por Pontevedra
A candidatura pola provincia de Pontevedra ao Congreso está formada por Carme da Silva, Brais Ruanova (Vigo), María Ortega (Moaña), Xosé Manuel Rodríguez Méndez (As Neves), Marta Gómez (Pontevedra), María Paz Correa (Catoira), Xosé Manuel Méndez (A Guarda), Alexandre Fiuza (Vila de Cruces), Davinia Lojo (Marín), Elena Otero (Arousa), Trinidad Pérez (A Cañiza), Óscar del Valle (Soutomaior), Sabela Bará (Pontevedra), Nuno Galán (Vigo), Sara Samartín (Mos) e Hugo Domínguez.
Para o Senado preséntanse Duarte Correa ( Salnés), Erea Rei (Silleda), Alexandre Estévez (Mondariz), María Xosé García (Redondela), Yasmina Moreira (Baiona), Ramón Nicolás (Vigo), Manuela Rodríguez (Gondomar), e Xoán Reices (A Estrada).