O BNG defende potenciar unha “alianza atlántica” Galicia-Portugal como política estratéxica de futuro. Así o avanzou a portavoz nacionalista, Ana Pontón, nunha visita á fronteira en Tui para presentar as propostas e impulsar esa alianza.
En vésperas do próximo cumio hispano-luso, Pontón destacou a importancia da eurorrexión e propón ir máis aló, “dar un paso adiante para trazar unha verdadeira alianza estratéxica entre Galiza e Portugal que debe arrancar coa creación dunha delegación permanente do noso País en Lisboa”, destacou, tendo en conta que “fronte a un Madrid que trata Galiza desde unha posición de subordinación, Portugal nos ve como unha alidada natural”.
Nesa alianza, p BNG considera que as infraestruturas son un "elemento clave", en particular a alta velocidade ferroviaria. “Chegar de Vigo a Porto nunha hora, temos que ser capaces de avanzar nesa dirección tamén desde Galiza. Portugal teno claro, pero non así os sucesivos Gobernos centrais dun signo e doutro, que non fixeron os deberes porque teñen unha concepción radial das comunicacións que prima a conexión por Madrid antes que por Vigo, o que perpetúa a discriminación de Galiza", argumentou Pontón en referencia ao anuncio do Goberno luso de priorizar a conexión coa cidade olívica.
Tras vinte anos “perdidos”, a líder do Bloque reclama “coordinación con Portugal para que esa conexión ferroviaria este en funcionamento en 2030” e nese obxectivo, Pontón interpelou ao Goberno do PP, “que nunca fixo nada nin para impulsar a saída Sur de Vigo nin as conexións con Portugal e agora pretende tapar a súa complicidade na discriminación a Galiza cunha nova confrontación co Executivo central”.
O BNG considera "fundamental para o desenvolvemento económico, para o equilibrio territorial e para avanzar nunha mobilidade sustentable nun momento de emerxencia climática" dispoñer desa conexión ferroviaria antes de que remate a década. Un fito que, din, colocaría a eurorrexión nunha situación de poder competir con Madrid ou co eixo Barcelona-Lyon.
Neste sentido, o BNG propón que do próximo cumio hispano-luso saia unha declaración institucional de apoio a ese obxectivo “cun compromiso de proxectos e orzamentos”. A portavoz nacionalista insistiu no carácter estratéxico desta conexión polo que avanzou que o Bloque vai facer “causa” deste asunto iniciando unha ofensiva de contactos sociais, institucionais e económicos a favor da alta velocidade Vigo-Porto en 2030 e evitar “novos retrasos e discriminacións”.
Saída sur, horarios e tarifas
A curto prazo, a formación nacionalista destaca a necesidade de mellorar o servizo a un lado e outro da raia, empezando pola electrificación da liña na saída sur de Vigo con máquinas de bitensión como as que ten Renfe e circulan entre Valença e Porto.
Igualmente, piden ampliar e adaptar os horarios da liña actual, duplicando a oferta para chegar ás mesmas frecuencias da liña Vigo-A Coruña, e ampliar a 2023 a oferta de 5,25 euros nos billetes Vigo e Porto, que teñen logrado un aumento do 40% no número de pasaxeiros cunha mobilidade máis sustentable.
Pontón, que mantivo un encontro con alcaldes, alcaldesas e responsables municipais de Vigo, concellos fronteirizos e municipios do sur, subliñou que a eurorrexión convoca a 6,5 millóns de habitantes, máis que estados do entorno europeo como Dinamarca, Israel ou Finlandia.