Pontón: “Vigo necesita máis BNG porque sempre que foi determinante, a cidade avanzou”

Publicidad

A portavoz nacional, Ana Pontón, participou na presentación do primeiro tramo da candidatura do BNG para alcaldía de Vigo, encabezada por Xabier P. Igrexas. “Vigo é a primeira cidade de Galiza”, indicou Pontón, “e merece máis que unha confrontación inútil e partidista que só fai que a cidade perda oportunidades, que empeora a vida das viguesas e dos vigueses e que desaproveita o inmenso potencial que ten esta urbe”.

Fronte a isto, a líder do BNG declarou que “o próximo 28 de maio, os veciños e as veciñas de Vigo teñen a oportunidade de apostar polo proxecto de futuro que ofrece o BNG da man de Xabier Pérez Igrexas e o seu equipo porque, -recalcou-, sempre que o BNG foi determinante no Concello, a cidade avanzou”. Pontón puxo de manifesto que “o BNG foi a única alternativa política nos últimos catro anos, cun traballo no que combinou a crítica con propostas, alternativas e solucións”.

Neste sentido engadiu que “Vigo precisa máis que nunca o proxecto do BNG, centrado en construír unha cidade para as persoas, con mellores servizos públicos, máis sustentable, con máis oportunidades e máis xustiza social”. Pontón tamén destacou a "necesidade" de fortalecer o tecido económico e industrial da cidade para xerar riqueza e emprego “porque non se pode permitir que unha cidade que sempre foi o motor industrial de Galiza hoxe teña menos emprego industrial que fai catorce anos”, indicou.

A líder do Bloque recalcou a necesidade de que Vigo "volva ser referente nacional en sectores produtivos estratéxicos", recuperando as "posicións perdidas" no sector naval, no sector da automoción, no sector pesqueiro, sendo o que sempre foi: "o motor económico e industrial do País”.

O futuro Vigo unido ao futuro de Galicia

A líder do Bloque puxo de manifesto que “outro Vigo e outra Galiza con posibles, en grande, con ambición, desde a confianza nas nosas propias forzas, unha Galiza que queremos construír concello a concello”. “Estou segura de que o 28M imos ser a forza política que máis suba, multiplicando a nosa representación no País, con más alcaldías, con máis concelleiros e concelleiros, afianzado así o cambio galego, avanzando no reto de darlle a Galiza, por primeira vez na súa historia, un goberno e unha presidenta coas mans libres para defender os intereses de Galiza” concluíu.

Pola súa parte, o candidato á alcaldía de Vigo polo BNG, Xabier P. Igrexas concordou con Pontón con respecto a que “o vindeiro 28 de maio temos a oportunidade de sacudirnos esta inercia paralizante e avanzar cara a unha cidade máis habitábel e máis verde, igualitaria e socialmente xusta”.

Igrexas explicou que “no BNG temos as ideas e as propostas, un proxecto sólido e solvente para volver poñer en marcha a cidade”, presentando unha candidatura “cunha equipa plural, con perfís diversos, paritaria e renovada, con mulleres e homes, vigueses e viguesas comprometidas.”.

Acompañan ao candidato á Alcaldía no primeiro tramo da candidatura Ana Martínez, Filipe Abalde, Elsa Quintas, Brais Ruanova, Carmela González, Manuel Caride, Olaia Chaves, Vitor Vaqueiro e María Pilar Rodruíguez.

Salir de la versión móvil