Preto de 200 comerciantes de Ponteareas claman contra a violencia machista

Publicidad

Co gallo do Día Internacional contra a Violencia de Xénero, Concello de Ponteareas e comerciantes porán en marcha unha campaña de divulgación e concienciación cidadá mostrando nos escaparates as ilustracións do II Concurso de Debuxo contra a Violencia de Xénero realizados polos escolares do municipio. Arredor de 180 locais comerciais adscritos a Banastra quixeron amosar o seu rexeitamento á violencia machista participando nesta actividade.

O concurso establece dúas categorías, primaria e secundaria. O vindeiro 25 de novembro terá lugar a entrega dos premios aos gañadores da terceira edición no salón de plenos do Concello de Ponteareas. Ademais, ás 11:00 horas os alumnos do IES Val do Tea, do IES do Barral e do IES Pedra da Auga lerán o manifesto redactado por eles mesmos.

Conferencia contra o machismo

O venres, 17 de novembro, a partir das 16:30 horas terá lugar no salón de plenos a xornada multidisciplinar contra a violencia machista. Ao acto asistirán, ademais do Alcalde de Ponteareas e da Concelleira de Igualdade, a secretaria xeral de Igualdade, Susana López, a Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e a Deputada de Igualdade Isaura Abelairas.

A Concelleira de Igualdade convida a todos os veciños e veciñas a participar nesta xornada na que intervirán un representante da Comisión Especial de Violencia de Xénero da Garda Civil, Carlos Tajes; a orientadora laboral, Isabel Ilán, a avogada especialista en violencia de xénero, Isabel Blanco e Alicia Peralejo, Presidenta de CEAVIGAL (Centro de Acción contra a Violencia de Galicia).

Salir de la versión móvil