Preto de 4000 estudantes estréanse nos campus da Universidade de Vigo

Publicidad

Nervios e ilusión mesturáronse desde primeira hora da mañá nos campus de Ourense, Pontevedra e Vigo entre o alumnado que este luns comezou a cursar unha titulación de grao na Universidade de Vigo. Centos de estudantes de novo ingreso cruzaron por vez primeira as portas das facultades e escolas nas que durante os próximos anos cursarán as titulacións para as que se matricularon nalgunha das 3752 prazas que a UVigo ofertou para o curso 2024/2025. Cunha taxa dun 105,38% de ocupación e 3954 estudantes de novo ingreso matriculados a día de hoxe, a UVigo reconfirma os mellores resultados de toda a serie histórica, na que por campus o de Pontevedra cun 106,23% acada a porcentaxe de ocupación máis elevada, seguido de Vigo cun 105,80% e Ourense cun 103,94%. Os graos en Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos, en Ciencias Ambientais, en Enxeñaría Agraria e en Turismo, no campus de Ourense; o Grao en Enxeñaría Forestal en Pontevedra, e o PARS en Máster en Enxeñaría de Telecomunicación vía Grao en Enxeñaría de Tecnoloxías de Telecomunicación e os graos en Enxeñaría de Tecnoloxías de Telecomunicación en Inglés, en Recursos Mineiros e Enerxéticos, en Linguas Estranxeiras, en Tradución e Interpretación – Español – Francés, en Tradución e Interpretación – Galego-Inglés e en Filoloxía Aplicada en Galego e Español no campus de Vigo, son neste inicio do curso 2024/2025 as únicas titulacións da UVigo con prazas vacantes neste intre.

Coa novidade do Grao en Enxeñería da Automoción con mención dual, o primeiro deste tipo que se imparte en Galicia e os Programas Académicos con Percorridos Sucesivos (PARS) no ámbito da enxeñaría, tamén novos no SUG, a UVigo comezou hoxe un curso no que o período lectivo desenvolverase en dous cuadrimestres comprendidos entre o 9 de setembro e o 24 de xaneiro e entre o 27 de xaneiro e o 6 de xuño. A actividade académica parará entre o 21 de decembro e o 7 de xaneiro e entre o 14 e o 21 de abril, tendo ademais carácter festivo o 28 de xaneiro, co gallo da celebración de San Tomé, así como o 3 e o 4 de marzo por mor do entroido. Así mesmo, cada centro terá a súa propia xornada festiva, para celebrar cadanseu patrón ou patroa.

Nervios e ganas en Ourense

No campus de Ourense entre o alumnado que este luns comezou o curso e neste caso tamén a súa vida universitaria, estiveron as ourensás Isabel González, Diana Ruíz e Elia Dorribo, que comezan a cursar o Grao de Educación Infantil, as dúas primeiras, e Xeografía e Historia, a terceira. As tres afrontaron o seu primeiro día na Universidade “con moitos nervios pero tamén moitas ganas”, tal e como destacaba Diana Ruíz. Moi satisfeitas de poder estudar as carreiras que querían, salientaron a súa primeira “boa impresión do campus” e o desexo de ter un bo arranque nesta nova etapa nas súas vidas.

Pola súa banda, o vicerreitor Francisco Javier Rodríguez Rajo pon en valor o feito de que “case todos os nosos centros completaron as súas prazas de novo acceso”, acadando, no seu conxunto, o campus de Ourense unha taxa de ocupación superior ao 103%, con 1055 estudantes de novo ingreso en grao matriculados. Ademais salientou o incremento da cifra de alumnado estranxeiro. “Todos estes datos dan conta da nosa crecente capacidade de captación de novo estudantado”, afirmou Rodríguez Rajo. Entre os retos para este curso 2024/2025 apuntou a continuación da implantación dos graos de Intelixencia Artificial e Relacións Internacionais e sobre todo a xestión do Campus Auga, a execución do financiamento concedido pola Xunta de Galicia tras a acreditación deste campus de especialización do campus de Ourense.

Arranque con ilusión no campus pontevedrés

Entre os centros que este luns celebraron actos de presentación no campus de Pontevedra atopábase a Facultade de Comunicación, á que acudía por primeira vez Claudia Laredo, que inicia o Grao en Publicidade e Relacións Públicas. “A verdade é que veño ilusionada. Agardo que me guste a carreira, porque era a miña primeira opción”, destacaba esta estudante, que recoñecía que o seu interese “por traballar en grupo e pola parte máis creativa” foi un dos factores que a levou a decantarse por esta titulación. Noutros casos, como o de Olalla Pérez, foron a formación e as experiencias profesionais previas ás que serviron como aliciente para iniciar unha nova etapa formativa no campus. Esta socióloga explica que, tras anos traballando noutro sector, “por circunstancias da vida, tiven que xestionar o monte e namoroume o forestal”. Isto levouna en primeiro termo a formarse como técnico superior en xestión forestal e a matricularse agora no Grao en Enxeñaría Forestal, no que “seguir formándome coa idea de poder facer algo polos montes galegos”, recoñece.

Para a vicerreitora Eva María Lantarón o curso arranca co obxectivo de continuar avanzando no proxecto de especialización Campus Crea. Nese senso, a vicerreitora explica que, a raíz de recentes modificacións regulamentarias, está previsto “manter reunións coa Xunta de Galicia, para ver como nos afectarían e direccionar as nosas vías de traballo cara o obxectivo de conseguir a súa acreditación o antes posible”. Ao mesmo tempo, Lantarón destacaba tamén o positivo inicio do curso en termos de alumnado de novo ingreso no campus, despois de que todas as titulacións cubrisen as súas prazas ata acadar un 106% de ocupación e 818 estudantes matriculados. A única excepción: Enxeñaría Forestal, “na que se vai continuar coas actividades de promoción e difusión para conseguir unha maior captación, xa que a matrícula non é acorde coas saídas profesionais e a elevada inserción laboral que ten o título”, asegura a vicerreitora.

Moita información e unha xincana en Vigo

No campus vigués, no que a día de hoxe a taxa de ocupación sitúase no 105,80% e con 2081 estudantes matriculados, a Facultade de Filoloxía e Tradución e a Escola de Enxeñaría de Telecomunicación celebraron cadanseu acto de benvida para o novo estudantado. Na FFT cada grao: Tradución e Interpretación, Filoloxía Aplicada Galega e Española e Linguas Estranxeiras, tivo o seu propio acto, cunha benvida do decano, así como información específica sobre o plan de estudos dos respectivos graos, o Plan de Acción Titorial e información xenérica sobre a biblioteca e o Centro de Linguas.

Pola súa banda, na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación o acto de benvida para o novo alumnado incluíu tamén unha xincana, diferentes tipos de actividades para que estas mozas e mozos se fagan coas múltiples dependencias e servizos que lles ofrece a escola. Desde aulas e laboratorios, pasando polo salón de actos ou a propia cafetería. “É un xeito distinto, e máis divertido, de ir coñecendo o centro e aos compañeiros”, explicaba nun dos corredores a coruñesa Sabela Lema, alumna de primeiro que realizou a proba nun grupo do que tamén formaron parte os vigueses Martín Froufe e Lara González, o pontevedrés Álvaro Gutiérrez e o ourensán Carlos González. Hoxe inician a súa vida académica, “por diante quedan moitas horas de estudo”, e tamén a ilusión dun futuro “relacionado co mundo da tecnoloxía ou, porque non, do espazo”. No caso de Ramón Incera, de Vigo, admite que cursar Enxeñaría de Telecomunicación supón para el unha enorme ilusión, “sempre me gustou o mundo da electrónica, ‘fuchicar’ cos aparellos, así que encantado de estar aquí”. Consciente de que este grao ten fama de ser bastantes duro, os retos non lle asustan, “todo o contrario, son un aliciente para botarlle máis folgos”. “A partir de mañá xa clases de verdade”, comentaba outro dos alumnos.

Salir de la versión móvil