Preto de 50 docentes, das diferentes facultades e escolas do campus pontevedrés pero tamén de Vigo e Ourense, forman parte da Cátedra Unesco Educación Transformadora: Ciencia, Comunicación e Sociedade, que esta organización das Nacións Unidas concedía nas últimas semanas á Universidade de Vigo. Dirixida pola catedrática Francisca Fariña, coa catedrática Margarita Pino como coordinadora adxunta, trátase dunha iniciativa que englobará “actividades de investigación, formación e transferencia”, centradas en sete dos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable (ODS) da Axenda 2030, como explicou este mércores na súa presentación na Escola de Enxeñaría Forestal.
“Acadar esta cátedra para a nosa Universidade debe ser un motivo de orgullo para todos nós, porque non é doado obter a aprobación da Unesco”, salientou Fariña, nunha presentación na que estivo acompañada polo reitor en funcións, Manuel Reigosa, o xefe territorial da Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo da Xunta de Galicia, Ramón Pereiro, e a coordinadora nacional da Rede de Escolas Asociadas da Unesco (PEA-Unesco), Luisa Márquez. Nese senso, a catedrática da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte lembrou que no mundo menos de 800 cátedras Unesco, preto de 70 impulsadas por universidades españolas, entre as que tamén se atopa a Cátedra Unesco en Desenvolvemento Local Sostible do Campus do Mar.
Concedida no mes de abril por un período de catro anos, trátase dunha cátedra que, á súa vez, permite “renovar o noso compromiso cos valores da Unesco, que nestes momentos tan convulsos que estamos a vivir amósase máis preciso que nunca”, saliento Fariña. A coordinadora da cátedra lembrou nese senso que a Unesco naceu co obxectivo “de contribuír á consolidación da paz, á erradicación da pobreza, ao desenvolvemento sostible e ao diálogo intercultural a través da educación, a ciencia, a cultura, a comunicación e a información”, no acto desenvolvido na EE Forestal, onde se sitúa a súa sede provisional, que se viu continuado por unha reunión de traballo dos seus integrantes.
Unha iniciativa que debe servir como “faro” para a sociedade
Como “un éxito que contamos que poida converternos nun faro que alumee moitas das cousas que xa están recollidas no noso plan estratéxico” definiu o reitor a concesión desta cátedra. Reigosa lembrou que o plan aprobado o pasado ano define como “liñas principais de actuación” tratar de promover “unha Universidade máis galega, máis igualitaria e máis internacional”, á vez que outorga unha especial importancia aos ODS, co obxectivo final de contribuír a que as futuras xeracións “convertan a sociedade galega nunha sociedade máis xusta, máis fraterna e máis igualitaria”, aspectos nos que , sinalou,“esta cátedra pode darnos algunhas pistas”. Nesa mesma liña, Márquez puxo de relevo que unha cátedra “que fala de educación transformadora pode achegar moitas posibles solucións” a problemáticas como “a desigualdade no ámbito da educación” que, lembrou, fixo patente a covid-19, “que deixou a 87 millóns de nenos e nenas fóra das escolas”. De aí que a coordinadora da rede PEA-Unesco subliñase que esta iniciativa "vai ser un faro para a Universidade de Vigo e para a toda a rede de escolas”, da que forma parte da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, o único centro universitario integrado nesta rede.
“Trátase dun fito importante para o campus e para a Universidade de Vigo, que demostra o seu crecemento educativo e investigador e o seu constante avance cara a vangarda universitaria”, engadiu Pereiro. O representante da Xunta destacou tamén a “decidida aposta” do Goberno galego coa universidade, plasmado no plan de financiamento do SUG recentemente asinado, nun acto no que participaron tamén os vicerreitores en funcións de Comunicación e Relacións Institucionais; Mónica Valderrama; Responsabilidade Social, Internacionalización e Cooperación, Maribel Doval; Planificación e Sostibilidade, José Luis Míguez, e o vicerreitor do campus Jorge Soto, así como a coordinadora galega da rede PEA, Susana Enguidanos.
Diferentes eixos da actuación
Como explicou Fariña, a cátedra centrarase en sete dos ODS, os referidos a saúde e benestar; educación de calidade; igualdade de xénero; enerxía accesible e non contaminante; redución das desigualdades; cidades e comunidades sostibles; paz, xustiza e institucións sólidas e alianzas para acadar obxectivos. Entre outras iniciativas, abranguerá accións como a organización de xornadas e congresos, a produción de publicacións científicas e educativas ou a difusión de material audiovisual e de folletos informativos dirixidos a promover un desenvolvemento sostible, baseado na igualdade, na cultura de paz e no espírito crítico e ético. Así mesmo, na súa memoria recóllense tamén accións centradas na humanización de espazos educativos e sanitarios, a creación de unidades didácticas ou a participación de estudantes internacionais.
Un proceso que arrancou en 2016
O proceso que deu lugar á concesión desta cátedra ata 2026 "comezou a tecerse", como lembrou Fariña, a finais de 2016, meses despois de que Ciencias da Educación e do Deporte acadaba a súa integración na Rede PEA-Unesco. Naquel ano, elaborouse unha primeira proposta que “queríamos que implicase a todas as facultades do campus, e así foi”. Finalmente, a cátedra foi solicitada por 38 profesores e profesoras, contando tamén cos apoios da rede de escolas asociadas e de “grupos e institutos de cinco universidades de España”, o que permitiu dar forma a “un proxecto moi robusto desde a perspectiva científica e moi comprometido cos valores da Unesco”. Non obstante, esa primeira proposta, presentada en 2018 foi rexeitada pola comisión avaliadora estatal, o que levou á elaboración dunha nova en 2019, que foi “avalada por 158 persoas, que representaban a institucións ou asociacións profesionais e científicas de gran relevancia e prestixio” e que recibiu o visto e prace tanto da comisión estatal como, neste 2022, da internacional.
De xeito paralelo, a cátedra ampliou tamén o seu número de integrantes, pasando a estar conformada actualmente por preto de 50 persoas, incorporando tamén a cinco estudantes, e ampliando tamén, como apuntou Fariña, “os seus órganos de coordinación e dirección”, sumando a Margarita Pino como coordinadora adxunta.