Preto dun centenar de denuncias por incumprir a normativa COVID19 en Salceda

Publicidad

Cerca dun centenar de denuncias se levan realizado no municipio de Salceda de Caselas por incumprimentos derivados das restricións vinculadas á COVID 19, denuncias interpostas polos diferentes corpos de seguridade do Estado. As infraccións detectadas e denunciadas refírense fundamentalmente á obrigatoriedade de usar máscara protectora, á prohibición de consumir tabaco se non se pode garantir unha distancia de seguridade de 2 metros, ao cumprimento do toque de recoller e ás limitacións de mobilidade derivadas dos confinamentos perimetrais existentes en numerosos municipios da contorna.

A vixianza policial tense reforzado nas últimas semanas, para evitar o efecto chamada que se ten detectado no municipio de Salceda por ser o único, xunto con Salvaterra, sen restricións perimetrais na zona, e polo tanto por ser o único que mantén a hostalería en funcionamento.

A Alcaldesa de Salceda, Loli Castiñeira, manifestou esta inquietude na Xunta de seguridade local celebrada fai uns días de xeito telemático, e as diferentes forzas de seguridade coincidiron na necesidade de incrementar a vixianza na zona, conscientes de que se cabe é aínda máis importante a vixianza nos municipios sen restricións que naqueles que si as teñen.

Con este incremento da vixianza preténdese protexer a veciñanza de Salceda e que a vila poida seguir sen restricións o máximo tempo posible. Por este motivo se están a realizar controles habituais nas diferentes entradas da vila, onde se teñen detectado numerosos incumprimentos, pois son moitas as persoas que intentan achegarse a Salceda dende municipios confinados. Outra das infraccións máis habituais está a ser a de non empregar máscara protectora nos vehículos cando se comparten con persoas non conviventes.

Lucía Pereira, concelleira de Seguridade, agradeceu a implicación das diferentes forzas de seguridade, así como a boa relación que se mantén dende o Concello co cuartel da garda Civil de Porriño, e que permite un traballo coordinado coa policía local e un intercambio continuo de información para unha maior seguridade da poboación.

Pola súa banda, a alcaldesa de Salceda, Loli Castiñeira, apelou á responsabilidade da veciñanza: “Estamos nunha situación privilexiada que nos permite seguir a manter os nosos principais sectores económicos en funcionamento e queremos que siga a ser así, polo que nos toca extremar as precaucións e realizar un esforzo entre todos e todas”.

Salir de la versión móvil